Ben, por fin chegou o día. Hoxe comezamos a nosa lectura de Soldados de Salamina de Javier Cercas.
Soldados de Salamina (Tusquets, 2001), supuxo para o seu autor Javier Cercas (Ibahernando, Cáceres, 1962) o recoñecemento literario do público. Con esta novela (a terceira publicada), Cercas converteuse nun autor de masas: máis de medio millón de exemplares vendidos, traducida a 16 idiomas e máis de 10 premios no seu haber.
Escrita en primeira persoa, está formulada como unha investigación histórica, na que o autor mesmo forma parte da trama ao converterse nun xornalista que, por casualidade e nun momento difícil da súa vida, topa cunha historia real, fascinante e moi significativa da Guerra Civil española, e se propón investigala. A historia xira arredor do escritor e fundador da Falanxe (e quizais un dos responsables directos do conflito), Rafael Sánchez Mazas, e a súa dobre salvación. Primeiro sobrevive a un fusilamiento colectivo de presos franquistas nas postrimerías da guerra, no momento no que as tropas republicanas se retiran cara á fronteira francesa, camiño do exilio. E, posteriormente, e aí é onde radica a grandeza da historia, sobrevive ao encontro cun soldado republicano que o deixará escapar no último momento, a pesares da súa ideoloxía e de estar a buscalo mentres peiteaban a zona. A busca por parte do xornalista da identidade deste anónimo personaxe e o intento de desentrañar o porqué da súa acción constitúe a trama da obra. Busca que lle levará a descubrir, xa ao final da novela, que o significado de historia se atopa onde menos podía esperar.
Pero o libro fala de moitas máis cousas: fala da posibilidade do heroísmo por parte de heroes anónimos; fala de que os mortos non están mortos de todo mentres haxa alguén que os lembre; fala da relación pai-fillo, da busca do pai; do tremendo poder das palabras… e de, quizais, outras cousas que vos tocar agora descubrir a vós.
A novela está escrita cunha prosa áxil e amena, que arrastra a lela dun tirón coma se dun thriller se tratase.
Como di o propio narrador, Soldados de Salamina é un "relato real". Un relato construído con feitos e personaxes reais: "será como una novela. Sólo que, en vez de ser todo mentira, todo es verdad". Unha frase que pode provocar unha primeira reflexión…
libro mereceu os eloxios de John Maxwell Coetzee, Susan Sontag, George Steiner: "é un libro que debería converterse nun clásico", e de Mario Vargas Llosa: "o libro é magnífico, un dos mellores que lin en moito tempo e merecería ter innumerables lectores, nesta época en que se puxo de moda a literatura lixeira, chamada de entretemento, porque así aqueles comprobarían que a literatura seria, a que se atreve a encarar os grandes temas e evita a facilidade, non ten nada de aburrida, e, ao contrario, é capaz tamén de pasmar os seus lectores, ademais de afectalos doutras maneiras". [Ver artigo completo]
A novela tamén foi leva ao cinema polo director David Trueba en 2003.
Cuestións prácticas: prazos
Ben, e agora pasemos a cuestións prácticas. Como o libro está dividido en tres partes dun número similar de páxinas, se vos parece leremos a primeira parte: Os amigos do bosque (ata a páxina 74) ao longo desta semana. O prazo final de lectura será o luns 13.
Xa iremos vendo canto tempo tardades en lelo, pero prefiro deixar unha marxe ampla para unha lectura repousada e profunda que xere preguntas e todo tipo de cuestións que queirades compartir cos demais a través dos vosos comentarios no blog.
Dentro dun par de días, cando xa vos introduzades no texto, comezarei a lanzar preguntas e cuestións sobre a lectura.
>
Agora déixovos co libro: "Fue en el verano de 1994, hace ahora más de seis años, cuando oí hablar por primera vez del fusilamiento de Rafael Sánchez Mazas…”