Este club de lectura non ten nada: nin horarios, nin local, nin caras

Ciberclub

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Xeral, O ciberclub, Novecento23-12-2008

Chegamos ao final do libro e, como estamos ás portas do Nadal, se vos parece podemos deixar estes días (ata o 26) por se algún lector demorado quere aínda escribir un comentario sobre o libro. Eu acabo de deixar un "longo" no post do día 15, se vos apetece entrade a lelo. É unha historia curta pero, como todas as boas historias, contén no seu interior moitas reflexións que poderiamos continuar analizando.

Anímovos, a pesar do atafego destas datas, a facelo.

Por certo, eu vou aproveitar estas festas para intentar ver a película La leyenda del pianista en el océano baseada na novela que acabamos de ler.

NOVA LECTURA

Con respecto á nosa seguinte lectura, queríavos propoñer escoller entre os dous libros que quedaron como finalistas nas nosas votacións: El callejón de los milagros de Naguib Mahfuz e El último encuentro de Sándor Márai. Os dous libros están dispoñibles.

¿Que vos parece se dedicamos estes días a deixar os nosos últimos comentarios e votar polo seguinte libro?                                     

Como data tope propóñovos o 26-27 de decembro.

Aproveito para desexarvos a todos e a todas que pasedes un Feliz Nadal e ¡que deixedes, entre celebración e celebración, un ratito para ler!  

 

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Novecento15-12-2008

 
Unha vez máis atopámonos en Novecento, como sempre que nos mergullamos nun libro de Alessandro Baricco, cun personaxe raro, extravagante, misterioso; cunha boa historia que contar; cun dominio impecable da técnica para contar esta historia e, por último, coa experimentación formal como un desafío constante á narrativa tradicional.
 
"Todos os meus libros teñen dúas cousas en común: por un lado, o gusto de inventar e contar historias, e polo outro, o interese por crear combinacións narrativas novas, innovadoras", Baricco dixit.
 
A min o máis fermoso do libro paréceme esa historia única, extraordinaria que é a vida do pianista Novecento. As ganas dun escritor de exorcizar a realidade cotiá coa maxia dunha historia que nos afasta millóns de quilómetros da nosa vida rutineira. Orhan Pamuk di: "o que me atraeu da escritura foi a posibilidade de deixar atrás ese mundo aburrido, tedioso, que aniquila toda esperanza e todos coñecemos tan ben; escapar a un segundo cosmos, máis profundo, máis rico, máis diverso".
 
 
¿Quen é Novecento? ¿Que credes que representa este personaxe?
 
¿Por que finalmente non baixa do barco? ¿Como interpretastes o final do libro onde el lle explica ao trompetista os seus motivos? Ao principio da historia hai un momento en que o narrador di: "porque es posible bajarse de un barco, pero del océano…"
 
A min chamoume a atención como o autor escolle unha linguaxe tan coloquial, incluídos tacos, e o pon en boca do narrador e dos outros personaxes para contar esta historia tan poética e máxica. ¿Por que credes que o utiliza?
 
A importancia e o amor á música na obra e na vida de Alessandro Baricco atopámolos nas fermosas descricións sobre o xeito de interpretar de Novecento (a máxica escena na que toca o piano mentres este se desliza ao compás do movemento do mar nunha tormenta "bailar con el océano"), e na orixe misteriosa da súa música (“aquello no existía antes de que él lo tocara”. “Eran sonidos de otro mundo. Dentro estaba todo: todas a la vez, todas las músicas de la tierra”) e resalto ese parágrafo tan cheo de significado onde di: “tocábamos porque el océano es grande y da miedo, tocábamos para que la gente no notara el paso del tiempo, y se olvidara de dónde estaba, y de quién era. Tocábamos para hacer que bailaran, porque si bailas no puedes morir, y te sientes Dios”.
 
¿Como interpretades o duelo pianístico con Jelly Roll Morton? Quizais se resuma na frase: "No tenía espíritu de competición, no le importaba un carajo saber quién ganaba: era todo lo demás lo que le maravillaba. Todo lo demás".
 
¿Que credes que significa a frase (clave no texto): «Es como un grito gigantesco, que grita y grita, y lo que grita es “¡Pandilla de cabrones, la vida es algo inmenso!, ¿queréis enteraros o no? Inmenso”.» (pag.60)?
 
¿Que opinades do xeito, esta especie de monólogo teatral, que escolleu o autor para contar esta historia? ¿Credes que é máis efectivo que se escollese outro?
 
¿Credes que o libro ten un final aberto, que é un libro que invita a pensar, a reflexionar, a sacar cada un as súas propias conclusións?
 
 
Para rematar comentarvos un detalle máis da orixinalidade con que Alessandro Baricco fai as cousas. O escritor abriu as portas dunha libraría, tamén chamado Holden como a súa escola de técnicas de escritura, onde o cliente ten á súa disposición só vinte e oito libros ao mes, coa posibilidade de escoitar con senllos auriculares a opinión previamente gravada dun crítico, xornalista ou escritor italiano.
 
Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Escritores, Novecento10-12-2008

Novelista e xornalista italiano nacido en Turín en 1958. Licenciado en Filosofía, dirixiu na televisión o programa de libros Pickwik que "invitou aos italianos a redescubrir o pracer da lectura", e en 1994 fundou en Turín unha escola de técnicas de escritura, chamada Holden  (como homenaxe a Salinger), que tivo baixo a súa dirección un éxito clamoroso. Escritor pouco proclive a participar no mundillo literario, a penas concede entrevistas, chegando mesmo a promocionar un dos seus libros, City, só en Internet.

Seda, que se converteu nun best-seller ininterrompido dende a súa publicación en 1996 (traducida a 17 idiomas, máis de 700.000 exemplares vendidos, máis de 34 edicións en España), consagrouno como un dos grandes escritores italianos actuais e converteuno nun fenómeno literario mundial. Escritor polifacético e inquedo, sempre á busca de novas experiencias, é autor das novelas Tierras de cristal (Premio Médicis, 1991), Océano mar (Premio Viareggio, 1993), Seda (1996), City (1999), Sin sangre (2003), Homero, Iliada  (2004) e Esta historia (2007); do monólogo teatral Novecento (1994) e dos ensaios, Next (2002) El alma de Hegel y las vacas de Wisconsin (2003) e Los bárbaros (2008). Recentemente dirixiu tamén a película Lezione 21 e en 2003 colaborou co dúo francés de música electrónica Air no disco "City Reading (The Storie Western)" no que le fragmentos do seu libro City.

A súa literatura é cualificada como de extremadamente bela e máxica. As súas historias envólvenche e introdúcenche nun mundo entre o real e o onírico onde opera a marabilla. As súas tramas, moi imaxinativas, suxiren máis que contan e a súa prosa, doada de ler, é suave, rítmica, chea de emocións, evocadora, exacta e musical.
 
As súas influencias van dende escritores norteamericanos como Salinger e Carver, xa que opina que estes souberon chegar do xeito máis simple ao corazón ardente das cousas., ata autores tan dispares como Celine e Homero. O seu estilo pode transmitir unha sensación de caos que, sen embargo, revela no fondo unha orde perfectamente estudada co fin de sorprender e sobre todo sacudir en cada momento ao lector dun xeito diferente.
 
Alessandro Baricco é capaz de construír personaxes dunha incrible beleza cunha tendencia a aproximarse aos límites. Son personaxes desvalidos que contan con poucos recursos para habitar un mundo hostil, pero que non deixan nunca de intentar lograr o imposible,  moitas veces dun xeito surrealista, nunha loita constante entre a dor e o intento de redención desa mesma dor. Dende a aparente levidade naif na que inicialmente encadra as súas historias, Baricco é capaz de mostrar a realidade nua das cousas afondando con toda a súa crueza nos recantos máis escuros da alma humana.

Aquí déixovos algúns enlaces interesantes para que coñezades mellor este autor:

O seu blog ; entrevista en El País (maio 2007) ; artigos varios sobre o autor en El Paísentrevista en El Mundo (xuño 1998)

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Novecento09-12-2008

Novecento é un monólogo teatral ("un texto para ser lido en voz alta" en palabras do autor) de Alessandro Baricco (Turín, 1958) publicado en 1994.

En apenas 80 páxinas e, cun ritmo implacable, cóntanos a historia do máis incrible dos pianistas: Danny Boodmann T.D. Lemon Novecento, que é abandonado ao nacer sobre o piano do Virginian, un trasatlántico cargado de personaxes de todo tipo, que realiza o traxecto entre Europa e América nos anos de entreguerras. Xa dende neno, Novecento posúe un don máxico que o fai tocar o piano cunha técnica marabillosa por enriba de estilos e mestres, o que lle leva a converterse nun pianista extraordinario, o máis grande de todos os tempos. Toca na banda do Virginian, e alí coñece a Max, un novo trompetista que é o que nos vai contar a historia de Novecento. A fama do estraño pianista esténdese de tal maneira que se di que hai persoas que viaxan no barco só para oilo tocar, mesmo Jelly Roll Morton, o inventor do jazz, se sente impulsado a desafiar nun duelo pianístico a este meláncolico e xenial intérprete que é capaz de ver o mundo a través dos ollos dos demais, xa que, por razóns que ninguén sabe, non puxo nunca un pé en terra.

Unha obra da que Alessandro Baricco afirmou: "Máis que un texto teatral, o considero unha novela curta ou un relato longo, xurdido tras ao ronsel de Océano mar (outra novela do autor), coma se nesta novela non puidese contar todas as historias que quería".

Novecento foi levado ao cinema por Giuseppe Tornatore, con música de Ennio Morricone e protagonizada por Tim Roth, co título La leyenda del pianista en el océano.

Benvidos ao mundo de Alessandro Baricco, un escritor que non recorda a nada antes lido.

Prazos 

Como o libro é moi curto e lese moi doadamente, ¿que vos parece se o lemos todo enteiro ao longo desta semana e imos deixando os nosos comentarios sobre a marcha?

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Novecento02-12-2008

Noveccento

Ola a todos e a todas. Ben, tal como indicaban as votacións, xa dende onte a última hora da noite, o libro escollido por maioría foi Novecento de Alessandro Baricco. Gañou por un voto máis a El callejón de los milagros.

Grazas pola vosa participación.

Prazos

Os exemplares estarán mañá na Biblioteca Municipal Sagrada Familia, pero, como xa sabedes, hai que enviar exemplares a outras bibliotecas e isto tarda un pouco máis. Case seguro estarán todos nas súas correspondentes bibliotecas o venres 5, pero por se acaso hai atrasos, e o luns 8 é festivo, poremos como data final para recollelos o martes 9 que será o día que comezaremos a nosa lectura.
Agradeceríavos que se o venres xa tedes o libro nolo comuniquedes por mail ou na sección de comentarios, deste xeito poderemos adiantar o comezo da lectura.
 

Recordádevos que tedes que devolver o voso exemplar de La casa de las bellas durmientes.

Un saúdo e ata dentro duns días.