Este club de lectura non ten nada: nin horarios, nin local, nin caras

Ciberclub

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Merlín e familia08-10-2009

 Dou por feito que todos rematastes a lectura de Merlín e familia. Hai uns días deixei un par de comentarios para animarvos a que fixésedes o propio a xeito de conclusión. Hoxe anímovos a facelo igualmente para dar con iso fin á nosa lectura. Calquera cousa que vos quedase no tinteiro ou o que queirades comentar será benvido.

Como deixastes escrito nos sucesivos post, todos, ou case todos, gozamos con esta lectura e deixámonos arrastrar polas súas historias. Un logro do mestre é conseguir que os lectores participen fascinados no seu proceso narrativo.

O noso compañeiro Oliveira resaltou a ironía que contén esta obra e para referirse a ela hai que mencionar o tratamento desmitificador e lúdico do personaxe de Merlín, así como o de Dona Ginebra, a través dun distanciamento irónico, que ás veces chega a ser paródico, convertendo, deste xeito, o mítico en cotián. Así, Merlín, viste de negro pero tamén leva unha bufanda colorada, ou Xenebra é máis ben gorda e de cando en vez para de bordar para rascarse o lombo. O mesmo tratamento o aplicou a outros personaxes míticos presentes na súa obra: Simbad, Orestes, Ulises

Merece resaltar a orixinalidade de incluír un índice onomástico ao final do libro, índice que reforza a narración. Cunqueiro engadíaos ao final de case todas as súas obras e son en realidade un "dramatis personae", porque non hai que esquecer a importancia do teatro na súa vida, xénero que tamén cultivou. Así mesmo, a división en xéneros literarios non tiña sentido para el. No índice inclúe un aceno á vila que lle viu nacer, Mondoñedo, definíndoa como unha cidade de Galicia, sonada polos Bispos, e polo cabalar das San Lucas, i onde naceu o señor Cunqueiro, que puxo en formado istas historias. É rica en pan, en augas i en latín.

As vastas influencias literarias en Cunqueiro van dende os cancioneiros medievais ata as vangardas de principios do século XX, pasando por Dante, Cervantes, referencia constante na súa obra, Shakespeare e o seu moi admirado Valle-Inclán (do que dicía que era parente seu) entre outros.

Dentro duns días anunciareivos cal é noso próximo libro que poderedes ir a recoller dende o mesmo momento en que se publique ese post. Hai un cambio no sistema de recollida dos libros. A partir de agora todos recolleredes e devolveredes o libro na biblioteca de Forum. Deste xeito axilizaremos a entrega e será máis doado para nós facer un seguimento dela. O voso exemplar de Merlín e familia debedes devolvelo xa en Forum.

 

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Poesía, Merlín e familia26-09-2009

Así falaba Cunqueiro do seu xeito de traballo na época en que só escribía poesía: Ren poido decir. Como si a luz fixera un redondel branquísimo no escuro. Eu vou entrando nil e poñendo verbas, verbas. Cando xa me sinto eu todo naquela mesma luz, van saindo outras verbas diferentes, cáseque un mundo. Iste é o poema.

Non sei que é a poesía. Técnica? Tampouco non sei.

Álvaro Cunqueiro definíase a si mesmo cun "ante todo poeta" e en 1970 afirmaba: Eu dificilmente escribo unha novela se ao mesmo tempo non escribo uns poemas que aparecen como feitos, como personaxes, da novela. Sempre creei unha poesía paralela. Isto proba que non me basta a novela.

E agora que fale a poesía. Déixovos cunha poética das máis fermosas e cheas de verdade que lese xamais e cun poema que mostra o seu alto facer poético.

POÉTICA

O poema, o meu poema, é a parte que eu teño na Creación, e é unha parte sorprendida, aínda que voluntaria, e sen dúbida perfeccionada pola nostalxia. Onde sexa que roube o lume, participo soamente con palabras, e coas músicas, esa sombra que teñen as palabras, unha vez longa, como cando a tarde morre, outra vez breve, como na hora meridiana.
Fóra do que unha boca humana é, non sei onde reside a poesía, aínda que sei que está nas palabras como están as imaxes nos espellos. E tamén si, unha veracidade sentimental que se satisfai con palabras, como a serpe que se deixa encantar pola frauta.
Eu teño alguén xunto a min que de improviso se pon a escoitar. Quizais sexa o meu Anxo Custodio. Entón comezo a coller palabras, aquí e alá, e sempre me quedo marabillado de que dunha a outra poida tender un fío que, tenso e pulsado con temerosa man, soe como unha corda de viola no silencioso salón dun pazo deserto.

 

Ese que canta baixiño na mañán

eu non son. As  horas vanse, vanse

como nubes brancas tralos montes escuros.

Sen música, nin palabras

de min mesmo baleiras, e sen luz.

O que a meu carón soñe, que ese non agarde

nin unha ollada de mín.

Quizabes porque prefiro a todo

o que amei noutrora, cando sorrir sabía.

Pasei o tempo aloumiñando a pel da memoria miña,

espellos que se acenden

lámpadas e rostros, que a tentas recoñezo,

tea sombriza, e morna suave,

choiva que me vén aos beizos dende os días

de amor, abril antigo e rosas na roseira.

O que a meu carón soñe, que ese non agarde

nin unha ollada de mín,

que soamente atendo aos meus recordos,

por se pola néboa deles pasan os seus ollos verdes

aos que iban as bolboretas do verán

como se fosen prados pra os seus xogos.

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Merlín e familia24-09-2009

 
Quizais haxa que facer un "esforzo" para introducirse e gozar deste mundo paralelo que o xenial Cunqueiro soubo crear. E digo esforzo polo afeitos que estamos a ler literatura actual. Pero é un esforzo que paga a pena, xa o creo, porque unha vez que te introduces nel, o pracer que sentes é grande e a liberdade tamén. O primeiro que se me veu á mente cando comecei a ler Merlín e familia foi un Cunqueiro gozando como un anano mentres inventaba estas historias deliciosas onde todo era posible, mentres creaba personaxes a cal máis fantástico, utilizando para iso, dunha forma máxica, a súa portentosa imaxinación e a súa vasta cultura. E todo moi doado, moi lúdico, puro gozo do escritor.

Parecera que o autor tivese a necesidade de vivir neses mundos de fantasía, solazarse coa creación dun mundo propio, único, un universo galego cunqueiriano. Parece querer convencernos de que a verdadeira vida do ser humano é a imaxinación, o sono, a fantasía, a poesía, a nostalxia do Paraíso Perdido e a beleza que nos salva da dor de vivir e nos proporciona esperanza. Porque a Cunqueiro non lle gusta demasiado o mundo no que vive. E por iso crea outro.
Atemporal, anacrónico, arcaico, instalado nun tempo intrahistórico, fascinado co mundo medieval, renacentista, o autor arrástranos a un delirio narrativo, moitas veces absurdo a través dunha imaxinación desbocada.

Como sucede en toda a súa narrativa, en Merlín non existe unha estrutura central que unifique a narración senón unha multiplicidade de planos a través dos cales se expresan os personaxes. O narrador escóndese detrás deles converténdoos na columna vertebral da obra permitíndolles moverse con total liberdade. Hai tantas linguaxes e narradores como personaxes sucédense ao longo das súas páxinas. Turbillón de personaxes sen interior cuxa entidade vén dada pola súa voz para relatar historias sen fin. Porque o verdadeiramente importante aquí son as historias e a fantasía que as sustenta. 

Descricións cheas de poesía onde a presenza da natureza é total:

Falo das luces que andaban polos camiños, polo camiño real, vindo de Meira, e polo camiño de Quintás, e polo camiño vello, que se afoga na lagoa dos Cabos, e tamén pola Lagoa. E corrían e cruzábanse, e de cando en veces xuntábanse tres ou catro i el era coma unha pequena fogueira no medio da noite. Cabalos agallopando debían levalas, tal corrían. E si algunha tomaba o camiño de Miranda, e viña cara a min, i hastra somellaba, tan viva viña, que asubiaba, prendía o medo en min como alfinete no alfineteiro, e sin espirme metíame no catre, e tapábame a cachola coa manta […]. Pro penso agora que tales medos gostábanme… Á ialba viñan verme, facendo aínda parte dos meus soños, os sinos de Quintás i o arrulo das pombas no bico do tellado. Unha mañán da sega foi cando vin na Lagoa o barco veleiro, i outra de outono cando vin no outo do Castro a trabe de ouro. O inverno é longo, longo, en Esmelle, i agás que caia unha lúa de xeadas, todo il é de choiva e neve. Pero o verán é doce, e tamén a outonada.

Ás vegadas, por facer festa, o señor Merlín saía á eira, e nunha copa de cristal chea de auga verquía dúas ou tres gotas do licor que íl chamaba “dos países”, e sorrindo, con aquela aberta sorrisa que lle enchía a franca faciana como enche o sol a mañán, preguntábanos de qué coor queríamos velo mundo, e sempre que a min me tocaba responder, eu decía que de azul, i entón don Merlín botaba a iauga, ao áer, e por un segundo o mundo todo, Esmelle todo arredor, as brancas torres de Belvís, as pombas i o can Ney, o roxo pelo de Manoeliña, a branca barba de mi amo, o cabalo tordo, as bidueiras de Quintás i o toxo da coroa do Castro, todo era unha longa nuben azul que pouco a pouco se esvaía. O señor Merlín sorría namentras secaba a copa con un pano mouro. Esmelle, selva longa i antiga, na memoria lévoa eu de azul pintada, como si un enorme e morno luar apousara, nun repente, na terra (paxs.12-13-14).

Fermosísimo texto como fermosísimo pareceume o conto titulado O herdeiro da China.

E a vós que conto vos gustou máis? E por que?

Respecto a Merlín e familia Cunqueiro afirmou nunha entrevista en 1960: unha vez escribín un libro que se chama Merlín e familia. Era un libro de historias galegas. Pois veu a ocorrerme, despois de publicado o libro, que moita xente da miña terra me contaba a min esas historias, que eu inventara, coma se fosen vellas lendas da nosa terra. Eu encontro que isto é o verdadeiramente importante: que o pobo faga súas unhas invencións propias. Isto paréceme o máximo ao que pode aspirar un escritor, un creador, un inventor.

Continuemos coa lectura destas máxicas historias ata finalizar o libro. 

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Escritores, Merlín e familia21-09-2009

A escritora Elena Quiroga, amiga persoal do autor, no seu discurso de entrada na Real Academia Española en 1983 titulado "Presencia y ausencia de Álvaro Cunqueiro" dixo del: Era bo, grande, amador da vida, cun cendal de melancolía, fermosa a súa obra, e libre. Non era agresivo, non era aleccionador, non era dogmático.

Sirvan estas definitorias palabras de Elena Quiroga como introdución a dúas autobiografías, a primeira publicada en 1935 e a segunda nos últimos anos da súa vida. Senllos textos proceden dunha recompilación de entrevistas feitas ao escritor mindoniense ao longo de toda a súa vida e publicadas por Ramón Nicolás en 1994 ("Entrevistas con A. Cunqueiro" - Editorial Nigra).

Que mellor xeito de achegarnos a el senón a través das súas propias palabras?

Autobiografia da súa infancia e xuventude

De neno tiven a paixon polos cabalos e polos encaixes. Fun pouco xogantín; mais ben foi mentireiro e contemplativo. Aos oito anos xa lera a Verne e Os miserables de Víctor Hugo. Daquela eu botaba grandes sermóns dende o pino das escadeiras da miña casa e pegaba sober cartóns prigues de papel de barba, dibuxando logo fermosísimas batallas. Fíxenme un descreído, comecei a falar galego a cotío, í-a ler libros, revistas, periódicos, se orde, sen tasa, sen concerto posíbele. Aos quince anos eu era repubricán, ateo, galeguista, barulleiro, bacheler e medía 1’85 m., pesando soio 54 kilos. Medrar tanto vénme de caste; tamén me veñen de caste as mans longas, a facilidade pras linguas i-o amor á caza. Eu desexaría ser cazador e intérprete. Tírame a pintura. Non se me daría por ser un grande mestre, pro gostaríame dibuxar ben. Góstame a soedade; góstame os longos paseos por ista docísima ribiera; a estrada do Carmen polo inverno, que é chea de sol; a estrada de San Lázaro pola primavera, estrada de riquísimo aire; polo vran á beira dos ríos, polas aceas de Xacinto, i-a ría da Cega; no outono a Alameda dos Remedios é unha groria. Prefiro Mondoñedo e Compostela a todo, e gostaríame demorar unha longa tempada nas terras outas, por Meira, pola Fonmiña, pola Graña de Vilarente…

Xosé Filgueira Valverde, “Autógrafos e inéditos de Álvaro Cunqueiro” publicado en Autopoética e poesías no ano 1935.

 Autobiografía

Eu nacín en Mondoñedo, un 22 de Nadal de 1911, dunha familia que levaba vivindo aquí, nas terras de Mondoñedo, por parte da miña nai, e nas terras de Miranda, que haxa documento desde o día 16 de febreiro de 1232. De modo que son 700 anos mindoniense. No instituto que entón estaba na calle de San Marcos en Lugo estudei o bachillerato. Un claustro frío, unas paredes húmedas, en fin, e unha biblioteca con unha pequena estufa. Eu lataba muitas clases para ir ler e fixen enseguida amistade con escritores que siguen sendo hoxe os predilectos, por exemplo Dickens. Eu tiña ademais unha aficionada a Dickens que me examinaba: cando saiu Pickwick por primeira vez de viaxe? E eu tiña que contestar: o 20 de xullo de 1827.

En Santiago veu a guerra e non rematei Filosofía e Letras. Recordo a Cotarelo, a Moralejo –que era a millor maneira de non aprender latín-. Recordo todo aquel grupo da miña xeneración.

Traballei en periódicos. Subdirector de La Voz de España, de ABC, de Vértice. Deixeino. Pasei alá unhos anos en Mondoñedo. Casei. Tiven fillos. Despois fun para o Faro de Vigo de director, case 8 anos, e deixeino no momento en que  non o necesitaba económicamente. Vivir vivo en Vigo un pouco por inercia, porque teño alí a maior parte dos meus libros (teño unha biblioteca de 7000 exemplares); o clima; o mar; e hai posibilidade de ir a Mondoñedo os fins de semana. Gústame muito viaxar. América, case toda Europa, conferencias desde os habitantes da lua aos viaxes de Ulises.

Son un home normal, incluso rutinario. Érgome indefectiblemente cedo. Traballo seguido pola mañán. Gústame comer na casa. Son un gran cafetero. Paseo varios kilómetros. Tomo notas, estudio, ando con algún idioma a voltas –agora co grego moderno-. Vou ao correo a botar cartas todos os días. Gústame o teatro (cando estou en Madrid vou pola tarde e pola noite). Pregúntome por qué non me gusta o cine, en especial se a abundancia de elementos técnicos por parte do director é grande sinto unha especie de falsedade, paréceme que estou vendo facer a escena e empezo a bulir no asiento… probablemente eu esté un pouco enfermo de tradición literaria. Algo importante para mí son os amigos, (no meu pobo poido entrar en todas as casas astra a cociña) sin embargo creo que son un pouco solitario, de aí os meus paseos.

O meu pai e a miña nai eran grandes cociñeiros e eu nunha cociña se facer de todo, desde unha sopa de allo a un plato montado, por exemplo un lomo “siete princesa”. Gústame que as cousas seipan ás cousas. A cociña ten que ser todo o contrario do arte do disfraz e teño unha inclinación excesiva polos afumados: o salmón afumado, a troita afumada, o peixe espada afumado, os chourizos ben afumados, os chourizo de aquí, de Mondoñedo. Aquí faise unha grande matanza con enorme variedade de cousas que sobrepasan ás outras rexións de Galicia: catro ou cinco tipos de morcillas, chanfainas, longanizas… morcillas doces, morcillas con cebola, morcillas picantes… Tamén teño unha gran memoria vinícola e un viño de calidade que bebera unha vez recórdoo e recoñézoo sempre. Nestas cousas teño, verdadeiramente, acertado.

Autobiografía incluída nunha entrevista feita por Margarita Ledo Andión “Entrevista inédita do ano 1973”, publicada no ano 1982 no nº 2 de Coordenadas.

Se queredes saber máis sobre o autor e a súa obra remítovos ás seguintes páxinas web:

http://es.wikipedia.org/wiki/Álvaro_Cunqueiro

http://cvc.cervantes.es/ACTCULT/cunqueiro/ (interesante e moi completa páxina sobre o autor e a súa obra realizada polo Centro Virtual Cervantes)

http://www.literaturas.com/v010/sec0309/suplemento/cunqueiro.htm(desenfadada biografía titulada “Cunqueiro, el piel roja de Mondoñedo”)

http://www.escritores.org/proba3/index.php/area-de-promocion/videos/630-entrevista-alvaro-cunqueiro (video da entrevista dunha hora de duración realizada a Cunqueiro en 1978 no mítico programa de TVE “A fondo”)

 

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Merlín e familia10-09-2009

O novelista, poeta, dramaturgo e xornalista Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo 1911-1981) escribiu a súa primeira novela, Merlín e familia, en 1955 tras anos dedicados á poesía. Referente imprescindible na literatura galega, esta obra é un libre e fermoso xogo da imaxinación na que Cunqueiro crea un universo único onde a fantasía e a realidade, a verdade e a mentira se dan a man. Unha sucesión de historias entrelazadas cheas de poesía nas que encontramos ao mago da lenda artúrica vivindo en terras de Lugo (un Merlín tan galego e tan universal á vez). Ata alí van chegando unha galería de personaxes a cada cal máis imaxinativo en busca dos seus saberes máxicos: sereas, namorados, princesas encantadas, demos… O narrador é Felipe de Amancia que consola a súa vellez rememorando os días felices da súa infancia cando foi paxe de Merlín.
 

Os personaxes nacen da combinación entre a fecunda imaxinación do autor e os datos históricos, literarios ou mitolóxicos proporcionados pola súa vasta cultura. Sen importarlle mesturar personaxes reais e ficticios de moi distintas épocas, crea un conxunto de historias inesquecibles que xorden de lugares tan aparentemente distantes como a fantasía de estirpe anglosaxona, as crónicas do medievo ou as lendas galegas e bretoas. Cun estilo impregnado á vez de referencias cultas e un costumismo de raíz local, e utilizando unha linguaxe fermosa e precisa, Cunqueiro logra combinar maxistralmente a fantasía, a ironía, o lirismo, a humanidade e a tenrura.

O Merlín de Cunqueiro está moi afastado do que nos chegou a través da tradición artúrica: un ser misterioso e poderoso, lendario e mítico. O autor preséntanolo, ao igual que ao resto dos personaxes, humanizado, galeguizado poderiamos engadir, e moi lonxe de calquera idealización literaria, logrando, deste modo, que o lector o sinta próximo no tempo e no espazo. A desmitificación do mito converténdoo en cotián e conservando del unicamente a súa capacidade evocadora é unha característica esencial da obra de Cunqueiro. Esta desmitificación débelle moito a transmisión oral das historias provenientes da tradición oral celta e ao carácter lúdico con que o autor impregna a súa obra.

Cun estilo descritivo e un gusto polo detalle, Cunqueiro converte ás paisaxes da súa Galicia natal nesa Miranda fóra do tempo na que suceden cunha gran naturalidade cousas marabillosas, o que lle fixo, dalgún xeito, precursor do realismo máxico. Algúns críticos acharon certas similitudes entre Cien años de soledad de García Márquez e Merlín e familia. Parece ser que nalgún momento se lle comentou e el, sen concederlle ningunha importancia, replicou: "Eu fíxeno antes".

Prazos

A obra consta de dúas partes, pero como a primeira é moito máis longa que a segunda, imos dividir a nosa lectura en dúas partes máis ou menos iguais, así que leremos ata o capítulo O espello do mouro inclusive (páxina 74) ao longo dos próximos sete días.

 Boa lectura a todos!

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Merlín e familia02-09-2009

Merlín e familia

Ola a todos e a todas e benvidos de novo a noso Club Virtual de Lectura. Ben, aquí estamos xa de volta rematado o verán con ganas de somerxernos unha vez máis no pracer da lectura compartida, e que mellor que comezar a nova tempada coa maxia de Merlín e familia, a novela fundacional da obra narrativa de Álvaro Cunqueiro.

O voso exemplar xa vos está a esperar na biblioteca que vos corresponde para que pasedes a recollelo canto antes.

Encontrarémonos aquí dentro duns días para comezar a nosa lectura. Ata pronto!