Onte púxose á venda o último volume da triloxía Millennium, La reina en el palacio de las corrientes de aire (que fermoso e poético título!) co saldo de 200.000 exemplares vendidos nun só día. O fenómeno Larsson continúa. Ata agora vendéronse, en máis de 40 países, 12, 6 millóns de exemplares dos tres títulos. Incrible.
Ben, membros do ciberclub, a primeira pregunta é obrigada: a que credes que se debe tal éxito de vendas e de lectores entregados a esta saga? Nós aínda imos no primeiro libro e non sabemos nada do segundo, agás Nando que xa vai comezar o terceiro. Pero podemos opinar sobre o lido e sobre se temos ganas de devorar o resto da triloxía, e quedar aínda con ganas de ler máis sobre estes personaxes e as súas peripecias (parece que Larsson tiña planeado escribir ata dez libros), sobre todo de Lisbeth, que creo que na segunda parte é protagonista absoluta, e sen lugar a dúbidas a grande heroína de Millennium. Lin que en Suecia a consideran a raíña do país por enriba da real e un exemplo para os mozos suecos que queren cambiar o mundo e vivir a vida segundo as súas propias ideas. Tamén din que é a cara do novo feminismo. Que opinades sobre isto último? E sobre que é un exemplo a seguir? Non obstante Larsson dixo que Lisbeth achegaba as típicas valoracións e calidades masculinas… Y tamén dixo que a calidade máis destacable de Blomkvist era que se comportaba como unha fulana estereotipada (?), eu non sei moi ben a que se refire… E vós?
Agora xa podemos desvelar que os asasinos en serie son Gottfried e Martin Vanger. Imaxinabádesvos que eran eles? Eu son bastante inxenua nisto de adiviñar quen é o asasino, me adoito deixar levar pola historia sen cuestionarme nin me adiantar aos feitos, e, ademais, así me levo maior sorpresa. Nesta novela estaba bastante perdida acerca de quen podía ser. Supoñía que non serían os obvios para min (o pai nazi e o irmán de Cecilia, mesmo esta última) precisamente por esa obviedade, e en Martin non pensei xa que Larsson nolo coloca intelixentemente fóra da lista de sospeitosos ao non estar na illa cando desapareceu Harriet. Non tiña nin idea, e ata deume por pensar se sería Henrik. O que si me pareceu raro é que Martin fose tan normal, equilibrado, encantador e boa persoa sendo fillo deses pais tan inestables e tan malos pais. Imaxinábame a Martin e a Harriet crecendo no centro desa familia tan desestruturada e víaos convertidos en adultos cheos de traumas e problemas. Respecto aos asesinatos, Larsson dixo o seguinte: Non idealicei nunca delitos nin criminais, nin tipifiquei as vítimas. No primeiro libro constrúo unha serie de asasinatos a partir da reconstrución de investigacións policiais reais. A descrición da violación de Lisbeth Salander está baseada nun caso que aconteceu en Östermanlm. E así con todo. Intentei crear vítimas de crimes baseándome en persoas anónimas.
Para min a novela decae a partir de aí. Atrapoume dende o principio porque a historia fluía e as ganas de aclarar o misterio e de descubrir como ían interactuar Mikael e Salander me mantiñan aferrada ao libro. Unha vez aclarada a autoría dos asasinatos (unhas 150 páxinas antes de rematar o libro), parece que Larsson se aplica en ir desvelando, por orde de importancia e sen o suficiente ritmo, segundo a miña opinión, o resto dos misterios: que foi de Harriet, a lea de Wennerström (que por certo non entendo moito), que vai ser da "estraña" relación Mikael-Lisbeth (crédela?).
Agardo os vosos comentarios sobre estas cuestións e sobre todas as demais que queirades opinar.
Xa non poño prazos porque non sei cantos rematastes xa o libro. Vos preguntei como iades coa lectura e algúns non respondestes aínda. É importante sabelo para poder falar ou non de certas cousas. Así que comentarnos por onde andades.
Interesante inicio da nosa lectura-debate coa dobre controversia que formulastes acerca do título do libro e sobre que é o que entendemos os seres humanos (deste lado do planeta) por felicidade… Eu creo que detrás do estado do benestar e felicidade no que supostamente vivimos hai moita frustración, represión, insatisfacción… e todos os "ón" que queirades engadilos… Opino que o benestar material, como ben apuntastes, non confire a felicidade a ningún ser humano. Creo que é un bo momento, politicamente falando, para preguntarse que había detrás do chamado Estado do Benestar que tanto nos venderon fai uns anos os nosos políticos. A resposta está no que estamos a vivir actualmente e que nos mostran libros como este onde se deixa en evidencia as contradicións e delitos criminais que existen tras a fachada dunha sociedade falsamente idílica.
Custoume pero finalmente conseguín o libro máis lido dos últimos tempos. Nos nosos clubes de lectura está solicitadísimo pero con paciencia e, á cola, logrei reunir o número suficiente de exemplares para que poidamos descubrir por nós mesmos e con calma (son 665 páxinas) que é o que contén este éxito de vendas e lectores.




