Este club de lectura non ten nada: nin horarios, nin local, nin caras

Ciberclub

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: La Casa de las bellas durmientes19-11-2008

Ola a todos de novo. Como imos lentos na nosa lectura, supoño que debido á idiosincrasia do texto, e algúns aínda non escribistes ningún comentario, fun atrasando o prazo de finalización da lectura do primeiro relato. ¿Que vos parece se entre o mércores e o xoves escribimos os nosos últimos comentarios sobre as belas durmintes e xa, a partir do venres, comezamos a ler os outros dous relatos e imos deixando as nosas opinións sobre todos eles ao longo da fin de semana?
 
Podemos poñer fin á lectura do libro completo e aos comentarios o martes 25.
 
Hai quince persoas inscritas no club e unicamente participasteis cos vosos comentarios seis. ¿Onde estades os demais? Recórdovos que todos os comentarios son benvidos: curtos, longos, en contra, a favor, superficiais, profundos…, e que a esencia de todo club de lectura é a participación (¿qué outro motivo nos pode mover a inscribirnos?) xa que a través desta se enriquecen as nosas lecturas individuais e solitarias e, ademais de compartilas, nos pode axudar, entre outras moitas cousas, a entender o que non entendemos ou a ver o que non vemos ou a enzarzarnos nunha discusión interesante.
 
Así que ánimo a todos os que aínda non participastes. Esperámosvos.
Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: La Casa de las bellas durmientes07-11-2008

 
Hola a todos e a todas, ¿como van as belas durmintes? Non sei se xa recolleriades os libros e comenzado a ler o primeiro relato. Se é así (e iso espero), invítovos a que vos animedes a deixar vosos comentarios sobre o que vos provoca a lectura de tan singular autor. Kawabata é tan sutil e tan especial que máis que facervos preguntas vos suxiro que simplemente escribades o que esteades a sentir, sen máis.

A min ao principio custoume entrar en tema, quizais debido ao estraño da historia e ao ritmo lento da narración. Pero agora xa estou metida e tenme atrapada. Ler un autor que pertence a outra cultura tan diferente á nosa pode custar pero creo que a clave está en deixarse levar cunha actitude aberta e receptiva. E máxime se é un autor que posúe un estilo tan poderoso e tan exacto.

Paréceme interesante recalcar as descricións detalladas, minuciosas, e o papel tan importante que xogan os sentidos, sobre todo o olfacto, na percepción por parte do protagonista, Eguchi, de todo o que o rodea. A través desa percepción van xurdindo os seus recordos e as súas reflexións sobre a vellez, a beleza, a sexualidade, o amor…

Para entender mellor a este autor e o seu mundo recoméndovos que leades "El viejo Japón y yo", o discurso de Yasunari Kawabata con motivo da concesión do Premio Nobel en 1968, ao que podedes acceder a través do link que tedes no post anterior a este.

Animarvos a deixar vosas impresións sexan estas as que sexan aproveitando que comeza a fin de semana e temos todos máis tempo para introducirnos dun xeito máis relaxado en La casa de las bellas durmientes.

Quedo á espera dos vosos comentarios.

 
Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Escritores, La Casa de las bellas durmientes06-11-2008

Yasunari Kawabata (1899-1972) naceu en Osaka, no seo dunha familia culta, pero a morte prematura dos seus seres queridos marcou traxicamente a súa infancia e converteuno nun ser solitario e melancólico, insomne crónico e lector voraz, tanto dos clásicos xaponeses coma das vangardas europeas. Estudou na Universidade de Tokyo literatura inglesa e xaponesa e participou na creación, xunto cun grupo de novos escritores, do "neosensacionismo" un movemento que intentaba conseguir a percepción das sensacións na linguaxe narrativa, en oposición ao realismo social imperante na súa época. Publicou a súa primeira novela, Diario íntimo de mi décimosexto cumpleaños, en 1925, pero o seu primeiro gran éxito foi La danzarina de Izu (1926) onde se aprecia a influencia de antigos textos budistas e da poesía medieval xaponesa, que para o autor constitúe "a máis elevada literatura do mundo".
 
Posúe unha elegante e refinada prosa, plena de imaxes simbólicas, líricas e suxestivas, a miúdo perturbadoras. A aparente sinxeleza do seu estilo esconde unha secreta complexidade.
A súa escritura é unha busca da pureza, da beleza extrema. En palabras do autor "a literatura non fai senón rexistrar os encontros coa beleza". A súa vida enteira estará dedicada ao intento de acceder a esta beleza a través da literatura. Un deses encontros foi cando unha mañá, sentado nun luxoso hotel, asistiu fascinado á visión de varias mesas dispostas nunha terraza, con centos de vasos colocados boca abaixo brillando como diamantes baixo o sol.
Os personaxes das historias de Kawabata toman sempre o tempo necesario para contemplar algún momento, xesto ou espazo de beleza.
 
A soidade; a vellez e a angustia ante a morte; a natureza, sempre presente na súa escrita; a atracción pola psicoloxía feminina; a sexualidade e a busca da beleza e a perfección, son temas centrais en torno aos cales xiran as súas obras País de Nieve; Mil grullas; El maestro de Go; El clamor de la montaña; El lago; Primera nieve en el Monte Fuji; La casa de las bellas durmientes; Lo bello y lo triste e Historias en la palma de la mano. Esta última obra merece unha especial importancia xa que segundo o autor representa a esencia da súa arte xa que nela vive o espírito poético da súa xuventude. Son 146 escenas, apuntamentos, fantasías e imaxes escritas ao longo de toda a súa vida.
 
Ler a Yasunari Kawabata é introducirnos nunha cerimonia chea de maxia que nos conduce a un segredo crucial e determinante que nos escapa e que se anticipa a todo descubrimento. Ao rematar os seus libros quédanos a certeza de que foi van o noso intento por asomarnos de xeito completo ao que se esconde baixo a superficie. Os seus relatos non parecen ter nin principio nin fin definidos segundo os canons da literatura occidental; pola contra, a sensación ao lelos é que entramos nun momento determinado a unha historia xa empezada e só o silencio nos indica que todo rematou, pois perfectamente poderían continuar sen límites.

A súa obra, en palabras del mesmo, é un intento de achar a harmonía entre o home, a natureza e o baleiro da existencia.

Chegada a hora en que decidiu que non pagaba a pena seguir neste mundo, abandonouno coa mesma elegancia con que o vivira.

Invítovos a ler El viejo Japón y yo, o discurso que Yasunari Kawabata escribiu con motivo da entrega do Premio Nobel en 1968. Un fermoso texto, cheo de beleza, fundamental para achegarnos ao mundo e á esencia da escritura deste mestre.
 
Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: La Casa de las bellas durmientes03-11-2008

La casa de las bellas durmientes foi escrita polo escritor xaponés Yasunari Kawabata (1899-1972) en 1961 á idade de sesenta e dous anos. Esta obra contén tres historias breves: a primeira e máis longa que dá título ao libro, e as outra dúas tituladas Un brazo e Sobre pájaros y animales.

Estes relatos constitúen un delicado exercicio estético a través do cal Kawabata aborda os temas recorrentes na súa literatura: a vellez, a angustia ante a morte, a soidade, a beleza, a nostalxia da xuventude perdida, o sexo, o desexo e a paixón.
Relatos enigmáticos e misteriosos envólvennos a través dunha sutil linguaxe poética nun ambiente de fino erotismo e sensualidade. A atmosfera que logra crear o autor está a medio camiño entre a realidade e os soños.
 
La casa de las bellas durmientes relata a historia dunha estraña e exclusiva pousada onde acoden asiduamente anciáns adiñeirados para pasar a noite xunto a fermosas novas virxes que dormen nuas baixo os efectos de poderosos narcóticos. Os clientes deste local teñen absolutamente prohibido ter relacións sexuais con elas, e non deben intentar espertalas. A cambio, os anciáns poden, ante a presenza da xuventude e beleza destas mulleres, experimentar o pracer de rememorar as experiencias amorosas e sexuais da súa vida, sen temor a mostrar os seus corpos xa vellos. O relato cóntanos a historia de Eguchi, un home de sesenta e sete anos, que acode a este singular lugar.
En El Brazo, Kawabata retoma este mesmo tema dunha forma un tanto diferente e surrealista: a perturbadora relación entre un ancián e o brazo dunha nova muller. Quizais menos poderoso que o primeiro conto, esta segunda historia está tamén chea de imaxes desconcertantes e dunha profunda reflexión.
Sobre pájaros y animales narra a historia de aves en cativerio coidadas - ou mellor dito descoidadas - por un desolado home que bota de menos amores pasados.
 
Yukio Mishima, discípulo do autor, di no prólogo do libro: "esta non é unha obra dominada pola franqueza e a claridade, senón por unha tensión sufocante". E Mario Vargas Llosa escribe a propósito desta novela que "está tan cargada de simbolismo e de misterio como un texto de alquimia", e se pregunta cantos matices, alusións, perfumes, referencias ou mensaxes subliminais perderíanse na tradución dos "signos orixinais aos recios vocábulos españois".
Así mesmo, La casa de las bellas durmientes inspirou a novela curta Memoria de mis putas tristes de Gabriel García Márquez, autor que sente unha grande admiración pola obra de Yasunari Kawabata. No novela de García Márquez se cita o belo comezo deste relato: No debía hacer nada de mal gusto, adivirtió al anciano Eguchi la mujer de la posada. No debía poner el dedo en la boca de la muchacha dormida ni intentar nada parecido.
 
Prazos 

Propóñovos a lectura do primeiro relato La casa de las bellas durmientes  ao longo desta semana. O prazo final de lectura será o luns 10 de novembro.

Penso que este autor require unha segunda lectura case obrigada para poder captar con profundidade todo o que está contido na súa escritura.

 
Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Xeral, O ciberclub, La Casa de las bellas durmientes29-10-2008

Casa Bellas DurmientesLibro que supón un cambio radical con respecto á nosa última lectura xa que se trata de La casa de las bellas durmientes do escritor xaponés e Premio Nobel 1968 Yasunari Kawabata.

Recordade que debedes pasar a recoller voso exemplar na biblioteca elixida por cada un a partir do luns día 3. Ese mesmo día sacaremos a primeira proposta de lectura.

 
Non esquezades devolver o voso exemplar de Soldados de Salamina na mesma biblioteca onde ides recoller o novo libro. Grazas.