Este club de lectura non ten nada: nin horarios, nin local, nin caras

Ciberclub

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: El Callejón de los Milagros05-02-2009

Unha vez rematada esta fermosa historia que provocou numerosos comentarios pola vosa parte (parabén a todos nas vosas acertadas recensións), gustaríame, para finalizar, facer algunhas últimas reflexións.

 

No seu reflexo da vida e o comportamento humano, Mahfuz non deixa nada fóra: a familia como núcleo central da sociedade, que, ao mesmo tempo, é refuxio e opresión; a preocupación polo matrimonio e o ascenso social e económico; a relixiosidade da maioría dos personaxes; o desexo de mellorar as súas vidas; o reflexo das máis sublimes e baixas paixóns…; todos os personaxes conteñen no seu interior unha pequena ou grande traxedia que os fai humanos, e que nos mostra que ninguén é bo nin malo. Personaxes enmarcados nunha sociedade musulmá da época onde os homes son machistas pero as mulleres, que son inferiores ante a lei, manteñen un curioso equilibrio de forzas xa que son as xefas das súas casas, apañan vodas, manteñen a raia os seus maridos; os mozos queren unha vida mellor e buscan por tódolos medios alcanzala; todos xulgan a todos pero sen dicilo claramente. Así mesmo, o autor móstranos o paso dunha sociedade tradicional a outra moderna a través da visión doutro Cairo, o exterior á quella, onde hai mulleres que traballan, diñeiro, luxo, ambición e unha moralidade dubidosa.
Outro aspecto a resaltar é a grande lección que nos dá a novela acerca da absoluta relatividade con que hai que tomar as cousas, xa que o amor, a dita, a riqueza, a pobreza, a ambición son soamente un accidente. Todo é pasaxeiro e nada nin ninguén é imprescindible xa que todos estamos destinados a ser esquecidos.
A Hamida móvelle a ambición, quere ser rica e libre e búscao do xeito máis doado e rápido posible, pero esa busca vese fatalmente interrompida, frústranse os seus desexos e prodúcese a súa caída ao abismo. A súa ousadía e ambición lévana á destrución do que anhela. ¿É destino ou azar? ¿Por que Mahfuz non a salva? ¿Hai unha intención moralista neste final?
Cédovos a palabra…

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Escritores, El Callejón de los Milagros26-01-2009

 
Teño que referirme ao pasado para atopar unha resposta. ¿Por que me puxen a escribir? Por pracer… Por dar satisfacción a unha forza escura. Nada exterior me empurraba a ese acto. Máis tarde, novas razóns viñeron a ratificar ese querer escribir. O desexo de cargar cun peso… De participar da grandeza… De ser retribuído pola obra… De mostrar ao Otro os principios que se elaboran ao longo dunha busca… De ser lido, simplemente.
 
Non fago distinción entre vivir e escribir.  
 
 
 
Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: El Callejón de los Milagros

Ola a todos. Aquí estamos, como di Nando, resgardándonos do temporal. Un bo convite á lectura esta chuvia e vento. Moitas grazas polos vosos comentarios, sempre tan acertados e interesantes. Gustaríame propoñervos que vos animásedes a contestar aos comentarios dos demais, a dar a réplica, a que se xerase unha conversación entre todos nós, coma se estivésemos sentados en círculo véndonos as caras (por certo, estamos a pensar nalgún tipo de "quedada" pronto para coñecernos…). ¿Que opinades Nando, ou Pitty, ou Isa, ou Carmen… do que atopan os vosos compañeiros no libro?

Boto de menos nos comentarios a Antonio, sempre tan activo no blog, así como a Vanesa e a Seredka, ¿por onde andades? E aproveito para animar, unha vez máis, a todos os outros membros do club a participar con algún comentario, sexa este o que sexa, sobre o libro. Todos son benvidos. Se participásedes todos os que estades rexistrados no club, o blog ardería, con tantas opinións si que se podería xerar unha potente conversación e mesmo unha discusión e quen sabe o que sairía de todo iso… algo bo sen dúbida.

¿Que tal vai esa lectura? ¿Chegastes xa ao final do capítulo 22? ¿Que pensades de Hamida e a súa evolución, de cómo vai “saltando de flor en flor”? Deixámola "namorándose" de Abbas ("convencida de que a súa existencia estaba ligada eternamente á del") e formalizando a súa relación unha vez que se decata de que el se vai ir ao exército británico a gañar diñeiro (por certo qué fermosa definición do amor dá Abbas (pag.88): "é unha vida dentro da vida pero máis que a mesma vida"), para pasar rapidamente a esquecelo cando Salim Alwan o rico dono do bazar, pretende casarse con ela, e rapidamente tamén, ante o ataque cardíaco que sofre este, e a inmediata aparición do misterioso descoñecido que a mira con tanta intensidade cortexándoa descaradamente, vólvese ilusionar con este home que non parece ter moi boas intencións, e aí deixámola teméndonos o peor… ¿que pensades deste personaxe, que sen dúbida, é o núcleo central e o fío condutor da historia?

Por outro lado, os outros personaxes, como un coro, continúan coas súas vidas. As desditas da señora Kirsha (¡ qué muller tan tremenda!, forte e brutal, pero, á vez, aceptando unha situación que a anula. ¿Que pensades dela e dos demais personaxes femininos en contraposición aos masculinos? ¿E en contraposición ás mulleres do noso mundo actual e occidental?) , os preparativos de Saniya Afif para a súa voda, as manobras do "repulsivo" Zaita, a marcha da quella do pobre Abbas, e, terminanos o capítulo 22, coa volta do Alwan, xa restablecido pero malhumorado e colérico debido á súa grave enfermidade. ¿Que pasará a continuación…? Eu sigo mascando a traxedia.

O ritmo da narración non decae en ningún momento, continuamos atrapados polas vicisitudes destes personaxes, e, como di Nando, gustaríanos intervir nelas, dende o noso lugar omnisciente e poder facer algo máis que ler. Pero para iso está o blog, para que fagamos algo máis que ler…


Prazos de lectura e nova proposta


Ao longo da semana que empeza continuaremos a nosa lectura a partir do capítulo 23 ata o final da novela
e, por fin, descubriremos qué destino (ou azar) lles espera aos nosos queridos personaxes.

Estou a pensar en escoller un libro dun autor galego para a nosa próxima lectura. ¿Que vos parece? Admítense suxestións, aínda que nos teremos que cinguir aos libros que temos no fondo. Dentro duns días direivos de qué libros dispoñemos.

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: El Callejón de los Milagros18-01-2009

 

Ola a todos e a todas. Ben, ¿como vai esa lectura? ¿Lestes xa os 10 primeiros capítulos? ¿Estavos a gustar o libro? ¿Tedes curiosidade por descubrir que é o lles vai a acontecer aos personaxes? ¿Casará finalmente Hamida con Abbas? ¿E que pasará con Kirsha e o seu vicio? ¿Que sentimentos vos espertan os diferentes e numerosos personaxes?

A min estame a gustar moito o libro. Nel atopo unha maxistral capacidade narrativa. Como xa comentaba con Nando, Mahfuz, con esa mestría, consegue que nos metamos na historia, que a vivamos de cheo cos personaxes.
Por outro lado, ás veces, me desasosiega. Cando vexo a angustia e a rabia da muller de Kirsha, ou o personaxe, terrible, de Zaita, ou a inocencia de Abbas. Eu creo que se ule a traxedia. Ese desasosego que me produce é porque cando abro o libro e me poño a ler, me somerxo tanto nel que fago meus os sentimentos e pesares dos personaxes. O autor invítanos a entrar nos seus corazóns e nas súas cabezas, podemos vivir dende dentro os seus pensamentos máis profundos, as súas dúbidas, os seus anhelos. Non hai censura. Hai unha terrible sinceridade nas súas exposicións sobre o que os move a actuar. Todos se nos presentan coas súas calidades e os seus defectos. Son humanos e completamente reais. Por debaixo dunhas diferenzas, ás veces moi grandes, en estilos de vida ou costumes, aparecen uns mesmos impulsos humanos. O amor, a ambición, o conformismo, a rabia, o desexo, a mesquindade, son os mesmos na quella de Midaq que en calquera outro lugar do planeta. E todos son completamente atemporales, non hai nada neles que nos indique o seu tempo, poderían vivir en calquera época, mesmo na nosa,  porque 60 anos despois, os seres humanos seguen tendo os mesmos anhelos, as mesmas dúbidas, as mesmas miserias.

E logo están os lugares. Como nunha obra de teatro, álzase o pano e van aparecendo os distintos escenarios onde se desenvolve a acción: a quella (que é como un personaxe máis, toma vida propia cando, por exemplo, di: "a quella era inxusta cos seus moradores, xamais os recompensaba na xusta medida do amor que eles lle profesaban"), o café, a casa de Hamida, a panadaría, o mundo exterior, que aparece para falarnos da guerra ou como símbolo do desexo de cambio, de prosperidade (quizais falsa) dos máis novos.

Respecto ao estilo, un estilo directo, sen concesións, destacaría as descricións e os diálogos. As descricións son as xustas, breves, cuns simple trazos (¡qué difícil conseguir isto!) deixa o escenario preparado para a acción. E os diálogos son fluídos, cheos de vida. Con eles e cos monólogos interiores coñecemos e comprendemos o que move aos personaxes.

Non sei se lestes algún outro autor árabe ou é o voso primeiro contacto con esta literatura. Sexa unha cousa ou a outra, ¿que diferenzas observades coa literatura occidental?

Ben, agora é a vosa quenda. Quedo á espera dos vosos comentarios.

Prazos

Podemos continuar lendo ao longo desta semana que comeza ata o capítulo 22 (páxina 144) para ir descubrindo o que lles espera aos nosos personaxes da quella de Midaq.

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Escritores, El Callejón de los Milagros12-01-2009

Naguib Mahfuz, o único Premio Nobel de literatura en lingua árabe (algo que quizais nos pode dar que pensar), naceu en 1911 en El Cairo e morreu nesta mesma cidade en 2006. Considerado como o "pai" da prosa árabe contemporánea, dende moi novo entregouse ao exercicio a literatura á que concibía como unha especie de vía mística, que esixía unha dedicación absoluta. Froito desa entrega son numerosos relatos, cincuenta novelas, guións cinematográficos, ensaios filosóficos e artigos xornalísticos.
Para achegarvos á súa biografía podedes entrar nas seguintes páxinas: biografía en Wikipedia; entrevista a Naguib Mahfuz.

Mahfuz viviu moito e escribiu moito fundamentalmente para intentar explicar ese El Cairo máxico e sobrecargado de onde só saíu en tres ocasións: "O vello Cairo coas súas rúas, as súas mesquitas e os seus cafés é un lugar fascinante, cheo de actividade e vitalidade que inclúe case todos os aspectos da vida urbana exipcia. Volvo unha e outra vez porque o adoro. Sempre ambientei as miñas obras en lugares nos que me gusta permanecer e o vello Cairo é mi preferido, por iso reflíctoo nas miñas obras".
Ao ler a Mahfuz somerxémonos en historias apaixonantes, cheas de personaxes que nos resultan próximos porque nos falan de sentimentos universais. Da súa man percorremos as rúas, entramos nos seus fogares, participamos das súas discusións, fumamos con eles un narguilé nun dos numerosos cafés cairotas, e todo iso, ademais, axúdanos a coñecer mellor outra cultura, outro mundo e a historia de Exipto.
Foi un dos escritores árabes máis abertos á civilización e a literatura occidental, sobre todo a inglesa: "Sucumbín ao encanto de Shakespeare, a súa ironía, a súa énfase. Entre el e eu estableceuse unha complicidade íntima, a que une aos amigos. Admirei tamén a  O’Neill, Ibsen; descubrín con pracer a Dos Passos. En cambio Hemingway deixoume indiferente, a excepción de El vello e o mar. Faulkner pareceume máis complicado do razoable…" Non nega a influencia que exerceron sobre el algúns escritores occidentais, isto se percibe especialmente na técnica utilizada nas súas obras a partir dos anos sesenta, pero no contido a maioría das súas novelas e relatos se basean en personaxes e situacións da vida real do seu ámbito.
Algo fermoso que contar acerca de Naguib Mahfuz é a relación intensa que tiña co Nilo. Durante anos viviu nunha casa flotante e despois nun apartamento de cara ao río. Pola mañá cedo daba longos paseos polas súas beiras e no verán en que nunca escribía debido a unha alerxia nos ollos, pasábase as tardes sentado ao bordo das súas augas contemplándoas e pensando sen cesar nas obras que escribiría cando continuase a súa actividade en outono. Moitas desas tardes quedaba ata o amañecer e despois ía camiñando ao café Fishawi para almorzar e fumar o narguilé.
Vítima dun atentado por parte de integristas islámicos que intentaron asasinalo en 1994, atribúe a causa da violencia do mundo islámico ao sentimento de desesperanza orixinado por unha profunda crise económica e a falta de liberdade política que levan consigo unha degradación "e canto máis grande é a degradación, maior é a violencia".
A concesión do Premio Nobel en 1988 serviu para que, a través da súa obra e abrindo camiño a outros autores, Occidente descubrise a literatura árabe.

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: El Callejón de los Milagros11-01-2009

"Eu fun o primeiro do barrio que se dedicou a escribir, a pesar de todo o desdén e as burlas que iso me granxeou.Propúxenme reflectir as súplicas e as queixas dos oprimidos e os necesitados. Eu non escribo sobre min nin os meus problemas, porque non poden compararse cos do noso barrio, ese estraño barrio noso, cheo de estraños sucesos".

El callejón de los milagros  foi recibida cun grande entusiasmo por parte da crítica árabe cando se publicou en 1947. Pertence á 2ª etapa da extensa produción literaria de Naguib Mahfuz, a chamada "pentalogía realista", un grupo de 5 novelas publicadas entre 1945 e 1957. Esta etapa caracterízase pola descrición e a análise do Exipto contemporáneo, na que o autor novela a vida cotiá de todas as clases sociais, dedicando especial interese a mostrar as inxustizas que sofren as clases máis desfavorecidas que, por outro lado, representaban a inmensa maioría da poboación naquela época.
É unha novela de marcado carácter coral que describe a vida da xente da quella de Midaq, un microcosmos moi representativo do que sucede nese momento en El Cairo: un conflito entre tradición e modernidade, entre o pasado e o presente. A quella de Midaq é un mundo en miniatura, unha metáfora que fala de toda a humanidade.
A obra preséntanos un cadro costumbrista no que se vai debullando un mundo de paixóns, de desexos, de recordos e de ilusións dun conxunto de personaxes do máis variado: Hamida, a moza ambiciosa que acaba converténdose en prostituta (que é, de algún xeito a protagonista), a casamentera, a viúva que busca marido, o dentista avaricioso, o vendedor de caramelos, o dono do café, o avaro comerciante… persoas cuxas vidas se sosteñen a duras penas a base de coraxe e bo humor.

Nesta novela o lugar, o propio título indícao, ten un indubidable protagonismo. O espazo, tan importante na obra de Mahfuz, está representado á vez polo barrio, protector e cálido a pesar da súa miseria, e polo exterior, símbolo da riqueza e de todos os perigos que axexan aos que se introducen nel.
Os problemas sociais, os efectos indirectos da guerra, a presenza inglesa, o inestable sistema económico permanecen en segundo plano, como un decorado, e van ser desvastadores para todos os habitantes da quella que non poden ver máis alá dos seus propios problemas.

El callejón de los milagros responde ao esquema tradicional da novela: introdución, nó e desenlace. A narración mantén unha estrutura lineal progresiva no tempo e alterna na presentación dos personaxes. O autor penetra nas súas vidas e nos seus psicologías, mostrándonos o desenvolvemento e desenlace completo das súas vidas.
Un dos logros da novela é a sabia combinación de costumbrismo e de profunda análise psicolóxica dos personaxes.

O xeito de narrar de Naguib Mahfuz correspóndese coa dos narradores orientais en xeral que manteñen a súa obxectividade e imparcialidade en todo momento. Rara vez impoñen un xuízo persoal acerca do narrado, deixando ao lector plena liberdade para que interprete e xulgue.

En 1995 o director mexicano Jorge Fons levou ao cinema a novela, que se desenvolve no México actual. Fiel á historia, a película demóstranos que a quella dos milagres pode estar en calquera cidade de calquera país subdesenvolvido do mundo.

“Aunque el callejón está totalmente aislado del bullicio, tiene una vida propia, cuyas raíces conectan, básica y fundamentalmente con un mundo profundo del que guarda secretos muy antiguos”.

Prazos

Propóñovos que dividamos o libro en tres partes máis ou menos iguais. De este xeito, como o libro ten 222 páxinas e 35 capítulos, podemos comezar lendo ata o capítulo 10 inclusive (páxina 73) ao longo desta semana que empeza. Así damos tempo a que os demorados que aínda non recolleran o libro, poidan facelo mañá e lelo todos ao unísono.

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: El Callejón de los Milagros05-01-2009

 
Ola a todos e a todas. Ben, aquí estamos de novo con ganas renovadas despois do parón das festas e, para empezar o ano dun xeito diferente, ímonos somerxer noutro país e noutra cultura a través das palabras do escritor e Premio Nobel exipcio.
O libro está xa desde hoxe na Biblioteca Sagrada Familia, así que Rojo, Helenakarenina, Nadia, Backfield5, Kike, Marifrancia66, Lorien e Charlot podedes pasar a recollelo a partir de agora mesmo.

Nando, Isa, Carmen, Bea, Pablo, Chenel, Jose, Matarife, Pitty ritty e Emool poderedes pasar a recoller os vosos exemplares nas bibliotecas de Forum, Castrillón e Monte Alto a partir do próximo venres día 9.

Como sempre non vos esquezades de devolver o voso exemplar de Novecento na mesma biblioteca onde ides recoller o novo libro. Grazas e ¡¡felices Reis Magos!!