Este club de lectura non ten nada: nin horarios, nin local, nin caras

Ciberclub

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Escritores, A sangre fria29-10-2009

Todo era verdade, incluído o de xenio: nunha proba que lle realizaron aos oito anos para descubrir por que era tan raro descubriuse que tiña un coeficiente intelectual de 215. 

Truman Capote, un dos máis polémicos e célebres talentos literarios do século XX, naceu en 1924 en Nova Orleans. Sendo moi pequeno os seus pais divorciáronse e foi a vivir cunhas tías anciás a unha granxa de Alabama: tiven unha nenez difícil. Non pasei privacións económicas pero sufrín un total abandono emocional. Nunca sentín que pertencese a ningún lugar.
O seu universo literario construíuse na soidade daquela infancia: empecei a escribir cando tiña 8 anos: de improviso, sen inspirarme en exemplo ningún. Non coñecía ninguén que escribise e pouca xente que lese. Pero o caso era que só me interesaban catro cousas: ler libros, ir ao cine, bailar claqué e facer debuxos. Entón, un día, comecei a escribir, sen saber que me encadeara de por vida a un nobre, pero implacable amo.
Dende ese momento construíu o que el posteriormente chamaría un estilo de ver e oír. Capote sempre contou en todos os seus libros o que vía e oía.
Aos 17 anos xa publicaba contos en revistas e, aos 18 marchouse a Nova York para traballar como redactor en The New Yorker.

Na súa primeira novela, a intensa Otras voces, otros ámbitos, publicada en 1948 (Cando Deus lle entrega a un un don, tamén lle dá un látego; e o látego é unicamente para autoflaxelarse) narra gran parte das tormentosas experiencias da súa nenez, mesturando a realidade coa ficción, o que se convertería nunha constante da súa literatura. A novela, que tivo un grande éxito de público e crítica converténdoo nun escritor famoso, trouxo consigo unha gran polémica xa que falaba abertamente da homosexualidade. A fama, o éxito e a polémica non o abandonarán nin na súa vida nin na súa obra ata o final.

O seu éxito literario foi acompañado dun grande éxito social, o que lle permitiu tratar con intimidade a boa parte da alta sociedade neoiorquina da súa época, á que posteriormente retrataría, na súa obra póstuma e inacabada Plegarias atendidas, de xeito mordaz e ferinte.

Ademais da súa obra mestra A sangre fría, Capote publicou obras moi heteroxéneas nas que sempre aparece a confluencia entre ficción e non ficción:
- El arpa de hierba, unha fermosa novela chea de poesía, onde volve á súa infancia.
- Se oyen las musas, unha divertida reportaxe, precursora da non fiction novel, sobre unha xira teatral dunha compañía estadounidense pola Unión Soviética.
- Desayuno en Tiffany’s, un retrato non só da promiscua, feliz e despreocupada Holly Golightly, senón tamén da sociedade, non exento de crítica, na que se move a protagonista.
- Los perros ladran, un mapa en prosa, unha xeografía escrita da miña vida dende 1942 ata 1972.
- Música para camaleones, testamento literario e intento de literatura total: relatos, artigos, poesía, periodismo, apuntamentos persoais, guións cinematográficos, conversacións…
- Contos (marabilloso Un recuerdo navideño), libros de viaxes (foi un gran viaxeiro) e guións cinematográficos.

Capote elixiu morrer o 25 de agosto de 1984 en Los Ángeles na mansión de Joanne Carson. Esta contou que Truman lle impediu chamar os médicos: Non quero volver pasar por iso. Se che importo, non fagas nada. Déixame ir. As súas últimas palabras foron: mamá, mamá, son eu, son Buddy, sinto frío.

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Noticias, Escritores, Recomendacións13-10-2009

Así o anunciou a Academia Sueca que a premia por "describir coa densidade da poesía e a franqueza da prosa, o universo dos desposuídos". A novelista, poeta e ensaísta de 56 anos de idade afirmou ao coñecer a noticia: "Estou sorprendida e aínda non o podo crer. De momento non podo dicir máis".

A escritora, que vive en Berlín dende 1987, naceu en Nytzkydorf (Romanía) en 1953 nunha familia da minoría alemá nese país -á que pertenceron outros escritores emblemáticos alemáns como Paul Celan ou Oskar Pastior-. Herta Müller estudou filoloxía xermánica e filoloxía romanesa simultáneamente, tratando de afondar nos coñecementos das dúas literaturas ás que sentía que pertencía. A súa obra encarna en boa parte o destino da minoría alemá nos países do centro de Europa que, tras o fin da Segunda Guerra Mundial, en moitas ocasións tiveron que pagar por partida dobre as culpas do nacionalsocialismo.

En España están editadas varias das súas obras, entre outras En tierras bajas e El hombre es un gran faisán en el mundo (ambas as dúas en Siruela), La bestia del corazón (Mondadori) e La piel del zorro (Plaza&Janés). Así mesmo, podedes encontrar nas nosas bibliotecas a tradución ao galego, editada por Xerais, O home é un grande faisán no mundo.
 
A calidade da súa escritura e a audacia das súas metáforas valéronlle antes varios premios literarios, entre eles o Kleist, un dos maiores galardóns alemáns, en 1994, e o Premio Würth de literatura europea en 2006.
 

A Herta Müller gústalle recortar palabras nos xornais e revistas. Clasifícaas para despois utilizalas ou deixalas envellecer nun canto do seu escritorio: ve nelas unha metáfora da vida.

Antes de Müller, o último alemán que recibiu o Nobel de Literatura foi Günter Grass, galardoado en 1999. Herta Müller é a duodécima muller coroada con este premio.

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Escritores, Merlín e familia21-09-2009

A escritora Elena Quiroga, amiga persoal do autor, no seu discurso de entrada na Real Academia Española en 1983 titulado "Presencia y ausencia de Álvaro Cunqueiro" dixo del: Era bo, grande, amador da vida, cun cendal de melancolía, fermosa a súa obra, e libre. Non era agresivo, non era aleccionador, non era dogmático.

Sirvan estas definitorias palabras de Elena Quiroga como introdución a dúas autobiografías, a primeira publicada en 1935 e a segunda nos últimos anos da súa vida. Senllos textos proceden dunha recompilación de entrevistas feitas ao escritor mindoniense ao longo de toda a súa vida e publicadas por Ramón Nicolás en 1994 ("Entrevistas con A. Cunqueiro" - Editorial Nigra).

Que mellor xeito de achegarnos a el senón a través das súas propias palabras?

Autobiografia da súa infancia e xuventude

De neno tiven a paixon polos cabalos e polos encaixes. Fun pouco xogantín; mais ben foi mentireiro e contemplativo. Aos oito anos xa lera a Verne e Os miserables de Víctor Hugo. Daquela eu botaba grandes sermóns dende o pino das escadeiras da miña casa e pegaba sober cartóns prigues de papel de barba, dibuxando logo fermosísimas batallas. Fíxenme un descreído, comecei a falar galego a cotío, í-a ler libros, revistas, periódicos, se orde, sen tasa, sen concerto posíbele. Aos quince anos eu era repubricán, ateo, galeguista, barulleiro, bacheler e medía 1’85 m., pesando soio 54 kilos. Medrar tanto vénme de caste; tamén me veñen de caste as mans longas, a facilidade pras linguas i-o amor á caza. Eu desexaría ser cazador e intérprete. Tírame a pintura. Non se me daría por ser un grande mestre, pro gostaríame dibuxar ben. Góstame a soedade; góstame os longos paseos por ista docísima ribiera; a estrada do Carmen polo inverno, que é chea de sol; a estrada de San Lázaro pola primavera, estrada de riquísimo aire; polo vran á beira dos ríos, polas aceas de Xacinto, i-a ría da Cega; no outono a Alameda dos Remedios é unha groria. Prefiro Mondoñedo e Compostela a todo, e gostaríame demorar unha longa tempada nas terras outas, por Meira, pola Fonmiña, pola Graña de Vilarente…

Xosé Filgueira Valverde, “Autógrafos e inéditos de Álvaro Cunqueiro” publicado en Autopoética e poesías no ano 1935.

 Autobiografía

Eu nacín en Mondoñedo, un 22 de Nadal de 1911, dunha familia que levaba vivindo aquí, nas terras de Mondoñedo, por parte da miña nai, e nas terras de Miranda, que haxa documento desde o día 16 de febreiro de 1232. De modo que son 700 anos mindoniense. No instituto que entón estaba na calle de San Marcos en Lugo estudei o bachillerato. Un claustro frío, unas paredes húmedas, en fin, e unha biblioteca con unha pequena estufa. Eu lataba muitas clases para ir ler e fixen enseguida amistade con escritores que siguen sendo hoxe os predilectos, por exemplo Dickens. Eu tiña ademais unha aficionada a Dickens que me examinaba: cando saiu Pickwick por primeira vez de viaxe? E eu tiña que contestar: o 20 de xullo de 1827.

En Santiago veu a guerra e non rematei Filosofía e Letras. Recordo a Cotarelo, a Moralejo –que era a millor maneira de non aprender latín-. Recordo todo aquel grupo da miña xeneración.

Traballei en periódicos. Subdirector de La Voz de España, de ABC, de Vértice. Deixeino. Pasei alá unhos anos en Mondoñedo. Casei. Tiven fillos. Despois fun para o Faro de Vigo de director, case 8 anos, e deixeino no momento en que  non o necesitaba económicamente. Vivir vivo en Vigo un pouco por inercia, porque teño alí a maior parte dos meus libros (teño unha biblioteca de 7000 exemplares); o clima; o mar; e hai posibilidade de ir a Mondoñedo os fins de semana. Gústame muito viaxar. América, case toda Europa, conferencias desde os habitantes da lua aos viaxes de Ulises.

Son un home normal, incluso rutinario. Érgome indefectiblemente cedo. Traballo seguido pola mañán. Gústame comer na casa. Son un gran cafetero. Paseo varios kilómetros. Tomo notas, estudio, ando con algún idioma a voltas –agora co grego moderno-. Vou ao correo a botar cartas todos os días. Gústame o teatro (cando estou en Madrid vou pola tarde e pola noite). Pregúntome por qué non me gusta o cine, en especial se a abundancia de elementos técnicos por parte do director é grande sinto unha especie de falsedade, paréceme que estou vendo facer a escena e empezo a bulir no asiento… probablemente eu esté un pouco enfermo de tradición literaria. Algo importante para mí son os amigos, (no meu pobo poido entrar en todas as casas astra a cociña) sin embargo creo que son un pouco solitario, de aí os meus paseos.

O meu pai e a miña nai eran grandes cociñeiros e eu nunha cociña se facer de todo, desde unha sopa de allo a un plato montado, por exemplo un lomo “siete princesa”. Gústame que as cousas seipan ás cousas. A cociña ten que ser todo o contrario do arte do disfraz e teño unha inclinación excesiva polos afumados: o salmón afumado, a troita afumada, o peixe espada afumado, os chourizos ben afumados, os chourizo de aquí, de Mondoñedo. Aquí faise unha grande matanza con enorme variedade de cousas que sobrepasan ás outras rexións de Galicia: catro ou cinco tipos de morcillas, chanfainas, longanizas… morcillas doces, morcillas con cebola, morcillas picantes… Tamén teño unha gran memoria vinícola e un viño de calidade que bebera unha vez recórdoo e recoñézoo sempre. Nestas cousas teño, verdadeiramente, acertado.

Autobiografía incluída nunha entrevista feita por Margarita Ledo Andión “Entrevista inédita do ano 1973”, publicada no ano 1982 no nº 2 de Coordenadas.

Se queredes saber máis sobre o autor e a súa obra remítovos ás seguintes páxinas web:

http://es.wikipedia.org/wiki/Álvaro_Cunqueiro

http://cvc.cervantes.es/ACTCULT/cunqueiro/ (interesante e moi completa páxina sobre o autor e a súa obra realizada polo Centro Virtual Cervantes)

http://www.literaturas.com/v010/sec0309/suplemento/cunqueiro.htm(desenfadada biografía titulada “Cunqueiro, el piel roja de Mondoñedo”)

http://www.escritores.org/proba3/index.php/area-de-promocion/videos/630-entrevista-alvaro-cunqueiro (video da entrevista dunha hora de duración realizada a Cunqueiro en 1978 no mítico programa de TVE “A fondo”)

 

Por: Julio Pesquero | Categorías: Noticias, Escritores24-06-2009

 
El escritor  Ismail Kadaré ha conseguido el Premio Príncipe de Asturias de las Letras 2009 imponiéndose así a autores como el holandés Cees Nooteboom, al italiano Antonio Tabucchi, al británico Ian McEwan y al checo Milan Kundera.

Su obra considerada maestra, El palacio de los sueños, denuncia el régimen autoritario imperante en Albania durante la dictadura de Enver Hoxha.

Otras de sus novelas más destacadas son ‘Expediente H’, ‘El pintor de Pekín’, ‘El firmán de la ceguera’ y ‘El crepúsculo de los dioses de la estepa’. Junto a la novela, también ha cultivado la poesía y el ensayo. En 2005 recibió el Premio Man Booker Internacional, y sigue siendo uno de los eternos candidatos al Nobel de Literatura.

El premio será entregado por el príncipe Felipe a finales de octubre en el Teatro Campoamor de Oviedo.

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Noticias, Escritores, Na Coruña03-06-2009

Hoxe mércores ás 20.00 horas no Auditorio da Fundación Caixa Galicia da Coruña (Cantón Grande), os escritores Manuel Rivas e José Saramago manterán un diálogo, que co título Narrar, lembrar, versará sobre as súas respectivas obras e o proceso literario.

O acto, que estará moderado pola escritora Rosa Aneiros, forma parte das VI Edición dos Diálogos Literarios de Mariñán.

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Escritores, Na Coruña16-05-2009

O escritor Bernardo Atxaga presenta o seu último libro Sete casas en Francia o martes 19 de maio ás 19.30 na Fnac da Coruña. A editorial Faktoría K edita en galego esta novela simultaneamente á edición en castelán, o que supón un acontecemento literario na nosa língua. Atxaga debatirá co seu tradutor Ramón Nicolás e asinará exemplares ao seu público. 

Sete casas en Francia supón un importante xiro no seu estilo literario, adoptando por primeira vez un ton cómico e grotesco para abordar a época colonial do Congo Belga.

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Escritores, Na Coruña06-05-2009

O 8 de maio ás 20 horas a escritora mexicana Elena Poniatowska dará unha conferencia sobre A literatura que vén da rúa. O acto que está organizado polo Concello da Coruña e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, terá lugar na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11).

Elena Poniatowska (París, 1933) é xornalista e narradora cunha ampla obra publicada na que se inclúen novelas, ensaios, contos e libros de entrevistas. Posúe numerosos premios entre os que destacan o Premio Nacional de Periodismo (1978) e o Premio  Alfaguara de Novela 2001 por La piel del cielo.

Muller comprometida politicamente é unha escritora combativa e crítica que escribe sobre os que non teñen voz. A súa literatura ten orixe na rúa, onde busca con avidez seres anónimos que conteñen historias e lamentos:

En realidad mis voces, mi inspiración, son las voces de la calle, la vida diaria, lo que nos pasa todas las mañanas, todas las tardes y las noches. Yo creo que todos tenemos un fondo de tristeza de lo que no logramos. En el fondo del alma y del espíritu tenemos un lugar donde los pensamientos duelen mucho, donde hay tristezas que no decimos a nadie, pensamientos de fracaso que tampoco comunicamos (La piel del cielo).

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Escritores, Ojos azules30-04-2009


A Premio Nobel de Literatura 1993 e a voz máis poderosa da literatura afroamericana na actualidade naceu o 18 de febreiro de 1931 en Lorain (Ohio). A súa infancia transcorreu durante os anos da Gran Depresión no seo dunha familia pobre e moi unida. Á idade de doce anos, mentres traballaba como pinche de cociña, comezou a ler Nabokov e Jane Austen. Non recordo nada da miña vida antes dos libros. Foi a miña irmá Lois quen me introduciu na lectura antes da escola primaria; na escola había só dúas persoas que sabían ler: a mestra e eu. Na súa casa os libros eran sagrados. O meu avó compracíase de ter lido a Biblia tres veces dende o principio ata o final. Ata a Emancipación, quenquera que ensinara aos negros o abecedario corría o risco de ir ao cárcere.
 
Estudou Humanidades nas universidades de Howard e Cornell. Posteriormente foi profesora nas universidades de Texas, Howard, Yale e, dende 1989, imparte clases na elitista universidade de Princeton. Tamén traballou como editora durante uns anos na editorial Random House de Nova York. Aceptei decidida a descubrir aos grandes talentos negros que ningún axente tomaba en consideración. Durante os seus anos en Howard empezou a escribir narrativa publicando en 1970 a súa primeira novela, Ojos azules, á que seguiron Sula (1973); La canción de Salomón (1977), a novela favorita do presidente Obama, que obtivo o Premio Nacional da Crítica e a converteu nunha autora de éxito; La isla de los caballeros (1981); Beloved (1987), Premio Pulitzer; Jazz (1992); Jugando en la oscuridad (1992); Paraíso (1999); Amor (2003) e Una bendición (2008).
 

Toni Morrison é a fundadora dunha literatura escrita dende e para os afroamericanos, sen concesións para brancos ou negros integrados. Defensora da literatura de minorías intentou dar voz ás persoas máis silenciadas da comunidade afroamericana, en especial ás mulleres e aos seres máis desvalidos. Cando empecei a escribir, só quería facelo sobre unha cousa: a devastación do racismo nos máis vulnerables, os máis desesperados na nosa sociedade. Nas súas novelas o poder do feminino está sempre presente, a fortaleza física e moral destas mulleres dobremente discriminadas que se negan a converterse en vítimas.
Así mesmo, fálanos nelas das circunstancias históricas da comunidade negra en Estados Unidos, do seu pasado de escravitude que significou a súa degradación como seres humanos e os converteu en seres invisibles para a poboación branca, e da súa loita, ao longo dos séculos, polos seus dereitos civís e a súa memoria.
Outra das características da súa literatura é o equilibrio entre realismo e maxia. Nas súas obras os seus personaxes transcenden a realidade inmediata cara ao mundo máxico e sobrenatural dos mitos e as crenzas da comunidade afroamericana, pero, á vez, permanecen solidamente arraigados na terra.

A música está moi presente na obra de Toni Morrison. Como ela mesma sostén, para unha poboación a quen se lle negara a alfabetización, a música pasou a ser a súa forma de expresión e comunicación.
A súa prosa, herdeira da tradición oral africana, mestura o coloquial e o culto para conseguir unha lingua elocuente e viva. É unha prosa poética e exquisita na que o ritmo da súa escritura xamais é lineal e constante.

E para rematar déixovos cunhas reflexións da escritora sobre o que supón o acto de escribir para ela: Na literatura mando eu. Eu creo, decido, e iso é parte constante da busca. Pero tamén quero compartir unha linguaxe, crear esa intimidade, esa proximidade que sento cos libros que leo e admiro. É unha busca dunha vocación e da total liberdade para un mesmo, un lugar no que un di que facer e onde un mesmo pon as regras. Busco a liberdade absoluta na creación.
Podo ir aínda máis alá como escritora. Seino e vouno intentar. Necesito seguir escribindo, e explorar outras direccións. Se non escribise volveríame tola; o mundo resultaríame demasiado caótico.

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Escritores, Viajes con Heródoto20-03-2009

O xornalista, escritor, historiador, ensaísta e poeta Ryszard Kapuściński naceu en Polonia en 1932. Estudou historia e arte na Universidade de Varsovia e dende 1958 ata 1981 foi correspondente no estranxeiro para a axencia de noticias Polish Press así como colaborador en importantes xornais estranxeiros. Considerado como un dos mellores reporteiros do mundo, convertido en autor de culto e referente de moitos xornalistas pola súa mirada lúcida do mundo, Kapuściński foi testemuña e informador, entre outros feitos, da descolonización e conseguinte independencia dos países do Terceiro Mundo, o golpe de estado en Chile ou a revolución en Irán; presenciou 27 revolucións, 12 guerras e foi condenado en 4 ocasións a ser fusilado. Xornalista honesto - "pódese ser escéptico, pero non cínico: o cinismo afástate da xente; os cínicos non serven para este oficio" -, comprometido, audaz, Kapuściński implicábase directamente cos afectados e co tema a tratar nunha busca constante do Outro: "Non se pode escribir de alguén con quen non compartiches como mínimo algún momento da súa vida". Practicaba un periodismo moi documentado - "para escribir unha páxina hanse de ler cen"- e posuía unha grande capacidade de análise da realidade sociopolítica.

Dende 1962 compaxinou as súas colaboracións xornalísticas cunha prolífica actividade literaria. É autor de dezanove libros traducidos a máis de trinta idiomas e dos que se venderon preto dun millón de exemplares. Entre os traducidos ao español destacan Un día más con vida (1976), El emperador (1978), El Sha o la desmesura del poder (1982), El Imperio (1993), El mundo de hoy (2004), e Encuentro con el Otro (2006). Mención aparte merece unha das súas obras máis coñecidas e importantes, Ébano (1998), unha impresionante crónica da súa experiencia como correspondente en África durante máis de trinta anos. Nela, "o enviado de Deus", como lle cualificaba John Le Carré, somerxeuse en África fuxindo dos estereotipos e as versións oficiais, que permiten aos xornalistas enviar ácidas crónicas sen abandonar a comodidade do hotel, para vivir nas casas dos arrabaldes máis pobres co obxectivo de sufrir o medo e a desesperanza como medio para lograr un testemuño honesto e fiel da realidade dese continente dende os momentos iniciais da independencia das antigas colonias europeas ata os conflitos de Ruanda, Somalia, Sudán… Es unha obra clave para entender o que sucede no continente negro.

Cunha deslumbrante prosa e un estilo literario entre o poético e a fabulación Kapuściński elevou á reportaxe á categoría de literatura. El chamaba aos seus escritos "literatura de a pé" e certamente hai moito de literatura neles, aínda que ninguén, nin sequera el mesmo, deu xamais co termo exacto para describir o xénero que probablemente inventou. Nos seus escritos mestura periodismo, historia e filosofía realizando unha análise pormenorizada dos feitos. A pesar do seu estilo poderoso estaba máis interesado no que dicía que en como o dicía.

Nos seus últimos anos prestou unha atención especial aos procesos relacionados coa globalización e as consecuencias que poden ter para a civilización humana, así como manifestaría a súa preocupación polo futuro dos medios de comunicación tradicionais que desaparecen ante o avance implacable da revolución tecnolóxica. Sobre isto afirmou: "Antes, os xornalistas eran un grupo moi reducido, valorábaselles. Agora o mundo dos medios de comunicación cambiou radicalmente. A revolución tecnolóxica creou unha nova clase de xornalista. En Estados Unidos chámanlles media worker. Os xornalistas ao estilo clásico son agora unha minoría. A maioría non sabe nin escribir, en sentido profesional, claro. Este tipo de xornalistas non ten problemas éticos nin profesionais, xa non se fai preguntas. Antes, ser xornalista era un xeito de vivir, unha profesión para toda a vida, unha razón para vivir, unha identidade. Agora a maioría destes media workers cambian constantemente de traballo; durante un tempo fan de xornalistas, logo traballan noutro oficio, logo nunha emisora de radio… Non se identifican coa súa profesión".
Ante unha pregunta realizada nun dos seus últimos seminarios acerca de cál era o principal risco que corría o xornalista no exercicio da súa profesión Kapuściński respondeu: "o principal perigo é a rutina. Un aprende a escribir unha noticia con rapidez, e a continuación corre o risco de estancarse, de quedar satisfeito con ser capaz de escribir unha noticia nunha hora, convencido de que iso é todo o que require o periodismo. Esta é unha visión nefasta da práctica profesional. O periodismo é un acto de creación".

Unha faceta pouco coñecida de Kapuściński é a de poeta onde descubrimos o seu lado máis íntimo, máis persoal, máis humano. En palabras do propio autor: "antes de escribir un poema teño que entrar noutra linguaxe, noutra forma de ver, noutra atmosfera, noutro tipo de recollemento, de concentración… Ao escribir poesía atopamos en nós unha otredad que non sospeitabamos antes de sentar ante o papel. Escribir poesía é un tipo de descubrimento sorprendentemente valioso..." Bartleby Editores publicou recentemente a súa poesía completa.

Ryszard Kapuściński que faleceu o 23 de xaneiro de 2007, aos 75 anos de idade, en Varsovia, foi nomeado Doutor Honoris Causa por diversas universidades en sete ocasións e obtivo diversos galardóns pola súa obra literaria, entre os que destaca o Premio Príncipe de Asturias de Comunicación y Humanidades concedido en 2003.

Hai moita información sobre Kapuściński en internet, déixovos unha páxina moi completa que contén enlaces de interese sobre o xornalista polaco: documentos do autor, sobre o autor, entrevistas, videos…

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Escritores, Na Coruña26-02-2009

Laura GallegoNa Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano, Laura Gallego, autora de obras como "Memorias de Idhún" e "La emperatriz de los etéreos" ofrecerá unha charla-coloquio o  xoves cinco de marzo ás 6 de la tarde. A entrada é libre e unha boa ocasión para coñecer á autora das obras que son agora mesmo das más lidas entre o público xuvenil e non tanto.

 

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Escritores, Resistencia10-02-2009

Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega.  Colabora habitualmente en distintos medios de comunicación impresos, entre eles Diario de Pontevedra, Xornal de Galicia, El País, Grial, e no programa da Radio Galega “Un día por diante”. Mantén unha sección de literatura e opinión en Culturagalega.org titulada Agardando as lagarteiras, na que destaco a primeira colaboración que fixo: declaración de intencións e outras suxestións. Nesta sección publicou tamén un dos textos máis memorables escritos durante o desastre do Pestrige, O cadavre do Mar fixo do barco un cadaleito.  Así mesmo, forma parte da xunta directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega.  

Estreouse na literatura coa novela xuvenil Eu de maior quero ser (1999) á que seguiron o volumen de relatos Corazóns amolecidos en salitre (2002), Resistencia (Xerais, 2003), O xardín da media lúa (lendas árabes) (Galaxia, 2004), Veu visitarme o mar (Xerais, 2004), o volume recompilatorio de artigos xornalísticos Ao pé do abismo (Xerais, 2007)  e o libro para nenos Os ourizos cachos e o gran río gris (Galaxia, 2008).

Conta no seu haber con múltiples recoñocementos como o Manuel Lueiro Rey (1996); o Modesto Rodríguez Figueiredo (Pedrón de Ouro, 1998); o Manuel Murguía (2001); o Carvalho Calero (2001); o Premio Arcebispo Xoán de San Clemente (2003) ou o Premio da Crítica Losada Diéguez (2005), ademais do Premio Francisco Fernández del Riego en 2007 polo artigo xornalístico “A última vaca”.

En You Tube podedes escoitar e ver a Rosa Aneiros contándonos que é o que a fixo comezar a escribir, así como coñecer máis esta escritora a través dos seguintes enlaces: entrevista en NetClubentrevista en portugués realizada polo escritor António Manuel Vendaentrevista na web da Asociación Cultural Barbantia.


Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Escritores, El Callejón de los Milagros26-01-2009

 
Teño que referirme ao pasado para atopar unha resposta. ¿Por que me puxen a escribir? Por pracer… Por dar satisfacción a unha forza escura. Nada exterior me empurraba a ese acto. Máis tarde, novas razóns viñeron a ratificar ese querer escribir. O desexo de cargar cun peso… De participar da grandeza… De ser retribuído pola obra… De mostrar ao Otro os principios que se elaboran ao longo dunha busca… De ser lido, simplemente.
 
Non fago distinción entre vivir e escribir.