
Pois si, nos imos de vacacións xullo e agosto. Volveremos en setembro con novos libros e autores e con ganas renovadas despois dun bo descanso estival. Pero non imos deixar de ler, e menos agora que, coas vacacións, teremos máis tempo para practicar un dos nosos deportes favoritos. Moitos xa comentastes que vos ides dedicar a continuar coa triloxía
Millennium, xa nos contaredes que vos parecen a segunda e terceira parte. Pitty prefire dedicarse ao último premio Príncipe de Asturias,
Ismail Kadaré, e recoméndanos a novela de
Patrick Modiano,
No café da xuventude perdida (boa idea, Pitty, faláronme moi ben del e quizais o lea tamén este verán). Pola miña banda quero saldar unha conta pendente que teño dende hai tempo: ler
Moby Dick de
Herman Melville. Pero tamén quero ler a
Kadaré e algo de poesía que a teño un pouco abandonada.
Contádenos que ides ler este verán, e animádevos a deixar suxestións de libros que vos gustasen ou que vos gustaría ler. Entre as miñas están varios premios deste ano: Kadaré, do que teño moi boas referencias; calquera das novelas dos últimos premios Nobel, Le Clezio, e Cervantes, Juan Marsé; Esperando a Robert Capa de Susana Fortes (Premio Fernando Lara), pero tamén a autobiografía recentemente editada deste fotógrafo crave do século XX, Ligeramente desenfocado, centradas na súa experiencia como correspondente gráfico durante a Segunda Guerra Mundial e cuxo principio promete: Ya no tenía motivo alguno para levantarme cada mañana.
Outras suxestións son a última novela da marabillosa muller e excelente escritora Ana María Matute, Paraíso Inhabitado, ou os sorprendentes e maxistrais relatos de Alice Munro (un dos meus achados deste ano, é incriblemente boa). Tamén editaron este ano nun só volume toda a obra dunha das mellores "contistas" española, Cristina Fernández Cubas, o seu título: Todos los cuentos. E continuando cos relatos, e con as mulleres, non podo deixar de recomendarvos a unha das "mestras" do xénero, Katherine Mansfield.
No capítulo de novela negra soa interesante a última novela do autor galego Domingo Villar, A praia dos afogados, ambientada na Galicia mariñeira. Non me quero esquecer da poesía. Ademais dos poetas publicados no blog ao longo destes meses, quixera recomendarvos a Alfonso Armada, un bo amigo e excelente poeta, con obra en galego e en castelán. E para os viaxeiros unha boa recomendación que me fixo un amigo hai anos: escollede unha novela dun autor do país que vaiades visitar e que, preferiblemente, se desenvolva alí. É un excelente xeito de coñecer a idiosincrasia do lugar.
Aínda que esteamos de vacacións eu entrarei de cando en vez no blog, así que non dubidedes en deixar calquera comentario que vos apeteza.
Julio e eu desexámosvos unhas felices vacacións a todos. Que as gocedes e ata setembro!
Por suposto podedes escribir os comentarios que queirades sobre o noso último libro, sobre todo os que aínda non o fixestes, e, cando o rematedes, non se vos esqueza devolvelo!