Xa vos comentei hai días que tiñamos as películas Capote (2005) e A sangre fría (1967) para poder reunirnos a ver unha delas ao finalizar a nosa lectura da novela. Algúns de vós manifestastes a vosa intención de ir vela e houbo diversidade de opinións sobre cal das dúas ver.
Temos dúas datas posibles: sábado 28 de novembro ás 5.30 da tarde ou mércores 2 de decembro tamén ás 5.30 (poñemos esta hora pois calquera das dúas pelis dura sobre 130 minutos e, así, despois podemos dispor dun bo tempo para comentala). O lugar, como xa vos dixen, será o Forum metropolitano.
Pídovos dúas cousas: que votedes por unha das dúas películas e polo día que vos vén mellor. Escollemos un sábado por si non podedes un día laborable, e un mércores (eu só teño libre este día pola tarde) por si non podedes o fin de semana. O que si vos pido por favor é que VOTEDES TODOS os que queirades ir, e que o fagades CANTO ANTES, xa que necesitamos, polo menos, unha semana de antelación para organizar o pase da peli. Pode resultar moi interesante e un excelente broche final á nosa lectura.
O pase está aberto a calquera persoa que queira ir vela, así que os que non sodes membros do ciberclub pero seguídesnos, animádevos a vir.
E, por último, unha casualidade. Onte, 15 de novembro, foi o 50º aniversario do asasinato da familia Clutter e o diario El País publicou unha reportaxe que vos convido a ler titulado Flores para los Clutter, onde podemos comprobar como continúa viva na comunidade, 50 anos despois, o recordo desta traxedia.
Non vos esquezades de ir deixando os vosos comentarios sobre a lectura no post anterior Algunhas preguntas e unha reflexión!