A escritora alemá de orixe romanesa Herta Müller obtén o Nobel de Literatura
Así o anunciou a Academia Sueca que a premia por "describir coa densidade da poesía e a franqueza da prosa, o universo dos desposuídos". A novelista, poeta e ensaísta de 56 anos de idade afirmou ao coñecer a noticia: "Estou sorprendida e aínda non o podo crer. De momento non podo dicir máis".
A escritora, que vive en Berlín dende 1987, naceu en Nytzkydorf (Romanía) en 1953 nunha familia da minoría alemá nese país -á que pertenceron outros escritores emblemáticos alemáns como Paul Celan ou Oskar Pastior-. Herta Müller estudou filoloxía xermánica e filoloxía romanesa simultáneamente, tratando de afondar nos coñecementos das dúas literaturas ás que sentía que pertencía. A súa obra encarna en boa parte o destino da minoría alemá nos países do centro de Europa que, tras o fin da Segunda Guerra Mundial, en moitas ocasións tiveron que pagar por partida dobre as culpas do nacionalsocialismo.
A Herta Müller gústalle recortar palabras nos xornais e revistas. Clasifícaas para despois utilizalas ou deixalas envellecer nun canto do seu escritorio: ve nelas unha metáfora da vida.
Antes de Müller, o último alemán que recibiu o Nobel de Literatura foi Günter Grass, galardoado en 1999. Herta Müller é a duodécima muller coroada con este premio.








