Dou por feito que todos rematastes a lectura de Merlín e familia. Hai uns días deixei un par de comentarios para animarvos a que fixésedes o propio a xeito de conclusión. Hoxe anímovos a facelo igualmente para dar con iso fin á nosa lectura. Calquera cousa que vos quedase no tinteiro ou o que queirades comentar será benvido.

Como deixastes escrito nos sucesivos post, todos, ou case todos, gozamos con esta lectura e deixámonos arrastrar polas súas historias. Un logro do mestre é conseguir que os lectores participen fascinados no seu proceso narrativo.

O noso compañeiro Oliveira resaltou a ironía que contén esta obra e para referirse a ela hai que mencionar o tratamento desmitificador e lúdico do personaxe de Merlín, así como o de Dona Ginebra, a través dun distanciamento irónico, que ás veces chega a ser paródico, convertendo, deste xeito, o mítico en cotián. Así, Merlín, viste de negro pero tamén leva unha bufanda colorada, ou Xenebra é máis ben gorda e de cando en vez para de bordar para rascarse o lombo. O mesmo tratamento o aplicou a outros personaxes míticos presentes na súa obra: Simbad, Orestes, Ulises

Merece resaltar a orixinalidade de incluír un índice onomástico ao final do libro, índice que reforza a narración. Cunqueiro engadíaos ao final de case todas as súas obras e son en realidade un "dramatis personae", porque non hai que esquecer a importancia do teatro na súa vida, xénero que tamén cultivou. Así mesmo, a división en xéneros literarios non tiña sentido para el. No índice inclúe un aceno á vila que lle viu nacer, Mondoñedo, definíndoa como unha cidade de Galicia, sonada polos Bispos, e polo cabalar das San Lucas, i onde naceu o señor Cunqueiro, que puxo en formado istas historias. É rica en pan, en augas i en latín.

As vastas influencias literarias en Cunqueiro van dende os cancioneiros medievais ata as vangardas de principios do século XX, pasando por Dante, Cervantes, referencia constante na súa obra, Shakespeare e o seu moi admirado Valle-Inclán (do que dicía que era parente seu) entre outros.

Dentro duns días anunciareivos cal é noso próximo libro que poderedes ir a recoller dende o mesmo momento en que se publique ese post. Hai un cambio no sistema de recollida dos libros. A partir de agora todos recolleredes e devolveredes o libro na biblioteca de Forum. Deste xeito axilizaremos a entrega e será máis doado para nós facer un seguimento dela. O voso exemplar de Merlín e familia debedes devolvelo xa en Forum.