Este club de lectura non ten nada: nin horarios, nin local, nin caras

Ciberclub

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Escritores, A sangre fria29-10-2009

Todo era verdade, incluído o de xenio: nunha proba que lle realizaron aos oito anos para descubrir por que era tan raro descubriuse que tiña un coeficiente intelectual de 215. 

Truman Capote, un dos máis polémicos e célebres talentos literarios do século XX, naceu en 1924 en Nova Orleans. Sendo moi pequeno os seus pais divorciáronse e foi a vivir cunhas tías anciás a unha granxa de Alabama: tiven unha nenez difícil. Non pasei privacións económicas pero sufrín un total abandono emocional. Nunca sentín que pertencese a ningún lugar.
O seu universo literario construíuse na soidade daquela infancia: empecei a escribir cando tiña 8 anos: de improviso, sen inspirarme en exemplo ningún. Non coñecía ninguén que escribise e pouca xente que lese. Pero o caso era que só me interesaban catro cousas: ler libros, ir ao cine, bailar claqué e facer debuxos. Entón, un día, comecei a escribir, sen saber que me encadeara de por vida a un nobre, pero implacable amo.
Dende ese momento construíu o que el posteriormente chamaría un estilo de ver e oír. Capote sempre contou en todos os seus libros o que vía e oía.
Aos 17 anos xa publicaba contos en revistas e, aos 18 marchouse a Nova York para traballar como redactor en The New Yorker.

Na súa primeira novela, a intensa Otras voces, otros ámbitos, publicada en 1948 (Cando Deus lle entrega a un un don, tamén lle dá un látego; e o látego é unicamente para autoflaxelarse) narra gran parte das tormentosas experiencias da súa nenez, mesturando a realidade coa ficción, o que se convertería nunha constante da súa literatura. A novela, que tivo un grande éxito de público e crítica converténdoo nun escritor famoso, trouxo consigo unha gran polémica xa que falaba abertamente da homosexualidade. A fama, o éxito e a polémica non o abandonarán nin na súa vida nin na súa obra ata o final.

O seu éxito literario foi acompañado dun grande éxito social, o que lle permitiu tratar con intimidade a boa parte da alta sociedade neoiorquina da súa época, á que posteriormente retrataría, na súa obra póstuma e inacabada Plegarias atendidas, de xeito mordaz e ferinte.

Ademais da súa obra mestra A sangre fría, Capote publicou obras moi heteroxéneas nas que sempre aparece a confluencia entre ficción e non ficción:
- El arpa de hierba, unha fermosa novela chea de poesía, onde volve á súa infancia.
- Se oyen las musas, unha divertida reportaxe, precursora da non fiction novel, sobre unha xira teatral dunha compañía estadounidense pola Unión Soviética.
- Desayuno en Tiffany’s, un retrato non só da promiscua, feliz e despreocupada Holly Golightly, senón tamén da sociedade, non exento de crítica, na que se move a protagonista.
- Los perros ladran, un mapa en prosa, unha xeografía escrita da miña vida dende 1942 ata 1972.
- Música para camaleones, testamento literario e intento de literatura total: relatos, artigos, poesía, periodismo, apuntamentos persoais, guións cinematográficos, conversacións…
- Contos (marabilloso Un recuerdo navideño), libros de viaxes (foi un gran viaxeiro) e guións cinematográficos.

Capote elixiu morrer o 25 de agosto de 1984 en Los Ángeles na mansión de Joanne Carson. Esta contou que Truman lle impediu chamar os médicos: Non quero volver pasar por iso. Se che importo, non fagas nada. Déixame ir. As súas últimas palabras foron: mamá, mamá, son eu, son Buddy, sinto frío.

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: A sangre fria21-10-2009

O 16 de novembro de 1959 Truman Capote abriu The New York Times e encontrouse cunha noticia que comezaba así: Un rico agricultor, a súa esposa e dous fillos foron encontrados hoxe na súa casa mortos a tiros. Disparáronlles a queimarroupa despois de atalos e amordazalos

Había tempo que Capote buscaba "escribir feitos e non ficcións", así que a noticia deste cruel asasinato, un tema totalmente alleo a el e un feito que non podía modificar, lle pareceu a escusa perfecta para intentar facer o que perseguía. Capote quería escribir o que el denominaba unha "novela real" (non fiction novel), é decir, un libro que se lese exactamente igual que unha novela, só que cada palabra fose rigorosamente certa. E logrou, de sobra, transformar unha noticia de sucesos nun orixinal e poderoso xénero literario. Xénero que exerceu unha grande influencia sobre o que se deu en chamar o "novo periodismo" cuxos máximos expoñentes foron Thomas Wolfe, Hunter S. Thompson ou Norman Mailer.

O que máis lle espertou curiosidade, inicialmente, non foi o asasinato en si, senón os efectos que puidese provocar nunha comunidade tan pequena e tan illada aquel terrible acontecemento, e co obxectivo de descubrilo viaxou ao lugar dos feitos (Holcomb, unha viliña de Kansas), acompañado da súa amiga de infancia Harper Lee (a autora de Matar un ruiseñor) que foi unha grande axuda nas súas investigacións. Pero a detención dos asasinos o 30 de decembro, ía dar un xiro de 180 graos ao seu proxecto. Pensou que todo o que escribira ata ese momento ía resultar inservible se non podía reconstruír a vida dos asasinos coa mesma exactitude e detalle como a das vítimas. Capote comprometeuse tanto coa historia que chegou a reunir unhas oito mil páxinas ao longo da súa investigación. Pasou seis anos convivindo e entrevistando os paisanos, acompañando os policías que levaban o caso e, sobre todo, coñecendo con profundidade os dous asasinos que, despois de ser detidos e xulgados, esperaban no corredor da morte a ser axustizados. Inclusive, cando foron aforcados, asistiu á execución.

Narrada en terceira persoa omnisciente, a novela desenvolve dúas historias paralelamente, a dos asasinados e a dos asasinos. Compara as súas vidas e os seus sistemas de valores, mostrándonos con ello unha completa radiografía da sociedade norteamericana.

A sangre fría consagrou a Capote como unha figura indiscutible da literatura do século XX. Obtivo o apoio unánime da crítica, vendeu máis de 300.000 exemplares e estivo na lista dos best-sellers durante trinta e sete semanas. Dende entón só en Estados Unidos o número de exemplares vendidos ascendeu a case cinco millóns.

Tras publicar en 1966 A sangre fría toda a súa vida terminou por derrubarse. Nada do que escribiría despois igualaría esta obra mestra. Por un lado, non soubo dixerir o grande éxito que obtivo, pero, sobre todo, entregouse en corpo e alma á dura verdade desta novela durante demasiados anos como para saír indemne. El mesmo definiuno así: "escribir o libro non me resultou tan difícil como ter que vivir con el". Lanzouse a unha espiral de autodestrución ao longo da cal os seus problemas persoais se agravaron, e a súa saúde física e mental sufriu un empeoramento, do que xa nunca podería recuperarse e que culminou coa súa morte en 1984.

O proceso de creación desta novela levouse ao cine na película Capote (2005), na cal o escritor é interpretado polo actor Philip Seymour Hoffman nunha maxistral actuación que lle valeu o premio Óscar ao mellor actor principal.
Tamén se levou ao cine a propia novela en 1967 (A sangre fría) dirixida polo director Richard Brooks.
En 2007 estreouse a película Infamous (Historia dun crime), que conta as peripecias pasadas por Capote (Toby Jones) e Harper Lee (Sandra Bullock) para lograr escribir a novela.
 
Prazos

Como a novela consta de catro capítulos de similar número de páxinas, dividiremos a nosa lectura neses catro capítulos. Ao longo desta semana compartiremos a lectura do primeiro capítulo Los últimos que los vieron vivos que comprende ata a páxina 74.

 

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: A sangre fria13-10-2009

 
Sangre fría
Abandonamos o fermoso xogo da imaxinación que é Merlín e familia e dando un salto necesario imos somerxernos nun mundo totalmente oposto:  A sangre fría, un libro estremecedor que supón a obra mestra de Capote e que el mesmo definiu como "novela sen ficción" (non fiction novel).
 
Xa podedes pasar a recoller os vosos exemplares na Biblioteca de Forum.

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Noticias, Escritores, Recomendacións

Así o anunciou a Academia Sueca que a premia por "describir coa densidade da poesía e a franqueza da prosa, o universo dos desposuídos". A novelista, poeta e ensaísta de 56 anos de idade afirmou ao coñecer a noticia: "Estou sorprendida e aínda non o podo crer. De momento non podo dicir máis".

A escritora, que vive en Berlín dende 1987, naceu en Nytzkydorf (Romanía) en 1953 nunha familia da minoría alemá nese país -á que pertenceron outros escritores emblemáticos alemáns como Paul Celan ou Oskar Pastior-. Herta Müller estudou filoloxía xermánica e filoloxía romanesa simultáneamente, tratando de afondar nos coñecementos das dúas literaturas ás que sentía que pertencía. A súa obra encarna en boa parte o destino da minoría alemá nos países do centro de Europa que, tras o fin da Segunda Guerra Mundial, en moitas ocasións tiveron que pagar por partida dobre as culpas do nacionalsocialismo.

En España están editadas varias das súas obras, entre outras En tierras bajas e El hombre es un gran faisán en el mundo (ambas as dúas en Siruela), La bestia del corazón (Mondadori) e La piel del zorro (Plaza&Janés). Así mesmo, podedes encontrar nas nosas bibliotecas a tradución ao galego, editada por Xerais, O home é un grande faisán no mundo.
 
A calidade da súa escritura e a audacia das súas metáforas valéronlle antes varios premios literarios, entre eles o Kleist, un dos maiores galardóns alemáns, en 1994, e o Premio Würth de literatura europea en 2006.
 

A Herta Müller gústalle recortar palabras nos xornais e revistas. Clasifícaas para despois utilizalas ou deixalas envellecer nun canto do seu escritorio: ve nelas unha metáfora da vida.

Antes de Müller, o último alemán que recibiu o Nobel de Literatura foi Günter Grass, galardoado en 1999. Herta Müller é a duodécima muller coroada con este premio.

Por: Chus Molina (Coordinadora) | Categorías: Merlín e familia08-10-2009

 Dou por feito que todos rematastes a lectura de Merlín e familia. Hai uns días deixei un par de comentarios para animarvos a que fixésedes o propio a xeito de conclusión. Hoxe anímovos a facelo igualmente para dar con iso fin á nosa lectura. Calquera cousa que vos quedase no tinteiro ou o que queirades comentar será benvido.

Como deixastes escrito nos sucesivos post, todos, ou case todos, gozamos con esta lectura e deixámonos arrastrar polas súas historias. Un logro do mestre é conseguir que os lectores participen fascinados no seu proceso narrativo.

O noso compañeiro Oliveira resaltou a ironía que contén esta obra e para referirse a ela hai que mencionar o tratamento desmitificador e lúdico do personaxe de Merlín, así como o de Dona Ginebra, a través dun distanciamento irónico, que ás veces chega a ser paródico, convertendo, deste xeito, o mítico en cotián. Así, Merlín, viste de negro pero tamén leva unha bufanda colorada, ou Xenebra é máis ben gorda e de cando en vez para de bordar para rascarse o lombo. O mesmo tratamento o aplicou a outros personaxes míticos presentes na súa obra: Simbad, Orestes, Ulises

Merece resaltar a orixinalidade de incluír un índice onomástico ao final do libro, índice que reforza a narración. Cunqueiro engadíaos ao final de case todas as súas obras e son en realidade un "dramatis personae", porque non hai que esquecer a importancia do teatro na súa vida, xénero que tamén cultivou. Así mesmo, a división en xéneros literarios non tiña sentido para el. No índice inclúe un aceno á vila que lle viu nacer, Mondoñedo, definíndoa como unha cidade de Galicia, sonada polos Bispos, e polo cabalar das San Lucas, i onde naceu o señor Cunqueiro, que puxo en formado istas historias. É rica en pan, en augas i en latín.

As vastas influencias literarias en Cunqueiro van dende os cancioneiros medievais ata as vangardas de principios do século XX, pasando por Dante, Cervantes, referencia constante na súa obra, Shakespeare e o seu moi admirado Valle-Inclán (do que dicía que era parente seu) entre outros.

Dentro duns días anunciareivos cal é noso próximo libro que poderedes ir a recoller dende o mesmo momento en que se publique ese post. Hai un cambio no sistema de recollida dos libros. A partir de agora todos recolleredes e devolveredes o libro na biblioteca de Forum. Deste xeito axilizaremos a entrega e será máis doado para nós facer un seguimento dela. O voso exemplar de Merlín e familia debedes devolvelo xa en Forum.