Así falaba Cunqueiro do seu xeito de traballo na época en que só escribía poesía: Ren poido decir. Como si a luz fixera un redondel branquísimo no escuro. Eu vou entrando nil e poñendo verbas, verbas. Cando xa me sinto eu todo naquela mesma luz, van saindo outras verbas diferentes, cáseque un mundo. Iste é o poema.
Non sei que é a poesía. Técnica? Tampouco non sei.
Álvaro Cunqueiro definíase a si mesmo cun "ante todo poeta" e en 1970 afirmaba: Eu dificilmente escribo unha novela se ao mesmo tempo non escribo uns poemas que aparecen como feitos, como personaxes, da novela. Sempre creei unha poesía paralela. Isto proba que non me basta a novela.
E agora que fale a poesía. Déixovos cunha poética das máis fermosas e cheas de verdade que lese xamais e cun poema que mostra o seu alto facer poético.
POÉTICA
O poema, o meu poema, é a parte que eu teño na Creación, e é unha parte sorprendida, aínda que voluntaria, e sen dúbida perfeccionada pola nostalxia. Onde sexa que roube o lume, participo soamente con palabras, e coas músicas, esa sombra que teñen as palabras, unha vez longa, como cando a tarde morre, outra vez breve, como na hora meridiana.
Fóra do que unha boca humana é, non sei onde reside a poesía, aínda que sei que está nas palabras como están as imaxes nos espellos. E tamén si, unha veracidade sentimental que se satisfai con palabras, como a serpe que se deixa encantar pola frauta.
Eu teño alguén xunto a min que de improviso se pon a escoitar. Quizais sexa o meu Anxo Custodio. Entón comezo a coller palabras, aquí e alá, e sempre me quedo marabillado de que dunha a outra poida tender un fío que, tenso e pulsado con temerosa man, soe como unha corda de viola no silencioso salón dun pazo deserto.
Ese que canta baixiño na mañán
eu non son. As horas vanse, vanse
como nubes brancas tralos montes escuros.
Sen música, nin palabras
de min mesmo baleiras, e sen luz.
O que a meu carón soñe, que ese non agarde
nin unha ollada de mín.
Quizabes porque prefiro a todo
o que amei noutrora, cando sorrir sabía.
Pasei o tempo aloumiñando a pel da memoria miña,
espellos que se acenden
lámpadas e rostros, que a tentas recoñezo,
tea sombriza, e morna suave,
choiva que me vén aos beizos dende os días
de amor, abril antigo e rosas na roseira.
O que a meu carón soñe, que ese non agarde
nin unha ollada de mín,
que soamente atendo aos meus recordos,
por se pola néboa deles pasan os seus ollos verdes
aos que iban as bolboretas do verán
como se fosen prados pra os seus xogos.









Ningún comentario acerca deste "ante todo gran e notable poeta"? Non vos di nada a súa poesía ou o seu exquisito xeito de expresar o que a poesía é para el e como se enfronta ao acto poético?
Comment por Chus Molina (Coordinadora) — 01-10-2009 @ 01:37
Cunqueiro goza ca poesía, esta parece inundalo todo na súa vida e sobre todo na súa escrita. O acto poético nel é un exercicio de exaltación da beleza pero sobre todo de saudade, de nostalxia do pasado, e a natureza sempre no medio. Cunqueiro é un poeta do natural, do enxebre e da saudade e a súa prosa como xa comentamos é un reflexo do seu estilo poético.Máis forma ca fondo, pero máis fondo do que pode verse a simple vista.
Estades de a cordo?
Un saúdo
Comment por pitty ritty — 01-10-2009 @ 07:57
Ninguén contesta a Pitty? Fondo ou forma? Ou os dous? Estou de acordo contigo, Pitty, a súa linguaxe é exquisita pero claro que existe un fondo na súa escritura que hai que saber encontralo entre as palabras que debullan as súas historias, nos silencios que contén toda linguaxe poética e, mesmo, na propia forma xa que esta non é mero artificio e, cando isto é así, toda forma susténtase nun contido. Pero sobre todo o fondo de Cunqueiro eu encóntroo na intención que o move a escribir e a crear estes mundos paralelos cheos de maxia e fantasía. El mesmo dio, e así quixen transmitírvolo ao longo da lectura do seu Merlín. Con esa intención cedinlle a palabra para que fose o propio autor o que nos falara de si mesmo, da súa escritura e do seu mundo literario(¿qué mellor xeito de achegarnos e afondar nun escritor?). Espero telo logrado.
Comment por Chus Molina (Coordinadora) — 04-10-2009 @ 22:25