Ben, isto está que arde. E por partida dobre. Por un lado, a novela que, nesta terceira parte, vai comezar a botar luz sobre tanto misterio, e por outro, a vosa activa participación cargada de interesantes comentarios e debates paralelos.

Larsson intenta darlle unha volta de rosca aos modelos ao uso deste tipo de novelas utilizando como protagonistas, non xa a un detective ou policía, senón a unha peculiar parella formada por un intelixente xornalista de investigación e unha hacker con métodos propios que non quere ter ningunha relación coas autoridades nin cos seres humanos en xeral. Blomkvist e Salander compoñen unha parella que reflicte a evolución da novela negra. Vivimos na era da comunicación global e Internet convértese nun instrumento de información valiosísimo que os nosos protagonistas utilizan, así como outros recursos tecnolóxicos acordes cos novos tempos (que intelixente a investigación que realiza Mikael a través do tratamento das fotografías!).

 

Na segunda parte do libro, Larsson utiliza a brutal escena sobre o encontro de Salander co seu novo avogado Nils Bjurman para mostrarnos, en toda a súa orixinal esencia, á nosa heroína. Lisbeth é unha inadaptada social, un ser marxinal que transita pola periferia da sociedade guiándose polo seu propio código moral, non sempre coincidente coa lei, lonxe de convencionalismos e indiferente á crítica social. Implacable e sempre atinada tómase a xustiza pola súa man para poñer no seu sitio personaxes desprezables que non aman as mulleres. Os misterios que encerra, intuímos que terribles, non fan máis que aumentar a fascinación que este personaxe (un verdadeiro achado do seu creador) exerce sobre os lectores. Kurdo Baksi, un dos mellores amigos de Larsson defínea como unha mestura de Pippi Calzaslargas, unha guerrilleira africana e o Dalai Lama. Ten algo do Dalai Lama, porque sen paciencia nunca se gaña na vida; outras veces é unha guerrilleira, porque é o seu xeito de enfrontarse ás cousas, e é Pippi, porque hai que perder o control e porque Pippi é a demostración de que no desastre tamén está a solución.

O escritor Henning Mankell descríbenos á sociedade sueca como unha sociedade de persoas caladas, inclinadas sobre diarios e cuncas de café (que cantidade de café se toma nesta novela!, fixástesvos? Non sei como poden durmir polas noites…), cada un cos seus pensamentos e os seus destinos. Unha sociedade introspectiva e melancólica cuxos escritores non vacilan en mergullarse nos escuros e terribles segredos que esconden persoas que son educadas para ocultar calquera conflito, e en escribir novelas nas que gravita unha denuncia social de todo tipo de desmandos e atropelos. Mankell de novo: hai que utilizar os crimes ou os delitos como un espello da sociedade.

Prazos
Anímovos a que continuedes cos vosos comentarios ao longo desta semana na que leremos a terceira parte titulada Fusiones.