Interesante inicio da nosa lectura-debate coa dobre controversia que formulastes acerca do título do libro e sobre que é o que entendemos os seres humanos (deste lado do planeta) por felicidade… Eu creo que detrás do estado do benestar e felicidade no que supostamente vivimos hai moita frustración, represión, insatisfacción… e todos os "ón" que queirades engadilos… Opino que o benestar material, como ben apuntastes, non confire a felicidade a ningún ser humano. Creo que é un bo momento, politicamente falando, para preguntarse que había detrás do chamado Estado do Benestar que tanto nos venderon fai uns anos os nosos políticos. A resposta está no que estamos a vivir actualmente e que nos mostran libros como este onde se deixa en evidencia as contradicións e delitos criminais que existen tras a fachada dunha sociedade falsamente idílica.
Quizais este sexa o motivo do resurximento da literatura negra en Escandinavia: a necesidade de analizar para intentar entender que pasou co seu paraíso. E nada mellor que a novela negra e policíaca para iso pois o delito non se pode desligar da realidade social, e, a través del, podemos entender mellor que falla nesta sociedade. E, como di Hal, aí temos tamén o seu cine, no que o lado escuro é protagonista de moitas das súas películas. Parece que a estes nórdicos lles gusta meter o dedo na chaga. Pois benvidos sexan.

Estou de acordo con todos vos en que o libro flúe, é ameno, entretido, Larsson manexa con eficacia a linguaxe, escribe sen présas, debullando todos os pormenores pero sen meterse en descricións farragosas ou superfluas (agás cando se estende, ao meu entender, demasiado, na presentación da numerosa familia Vanger). Está claro que o libro engancha. E é certo que a estas alturas da historia eu tampouco teño nin idea de por onde van os tiros do misterio, e iso, claro, fai que queiras continuar lendo ata o final para averiguar, sobre todo, quen mato a Harriet, pero tamén, como se van entrelazar os personaxes protagonistas, Salander e Mikael, que por agora van cada un polo seu lado ou que esconde Henrik Vanger, se é que esconde algo. E que me dicides de Wennerström que aínda non abriu a boca?
Observei que non afonda demasiado nos personaxes, a excepción de Salander, aínda que tamén é todo misterio o que rodea ao seu proceder; non hai retrato psicolóxico, apenas sabemos nada das súas motivacións senón é a través das súas accións e non sempre, e, isto vese moi claro no personaxe de Blomkvist, ten razón Pitty, que é imperturbable, quizais demasiado perfecto, eu tampouco o vexo moi claro por agora. Haberá que esperar a que coñeza a Salander para entendelo mellor? Que opinades vós? E outra pregunta: parécenvos reais os personaxes?

É certo que o libro carece de "profundas reflexións éticas", como di Pitty, pero si que, a través dos feitos, vai enviando "mensaxes ocultas" (palabras de Carmen, por certo, benvida de novo) relativas a temas conflitivos, especialmente a situación da muller no mundo, para que nós xulguemos e cobremos conciencia, e aí é onde o personaxe de Salander ocupa un lugar esencial, pero tamén a rapaza desaparecida Harriet ou Cecilia Vanger. Botades de menos máis reflexións ou chégavos con esas "mensaxes ocultas"?

E si, ten razón Nando, a partir de agora comeza o interesante. Na segunda parte despois dun inicio no que para min decae o interese da historia, volve recuperarse o suspense ante novos achados que prometen, e, por suposto, ante a irrupción ao besta de Salander, que, na primeira parte, apenas é un esbozo, e que agora comeza a crecer, e de que manera!… Si, Nando, tes razón, o miolo do libro é esta diminuta hacker capaz de facer cousas incribles. Pero mellor falar dela na segunda parte, non desvelemos por agora o que nos espera, aínda que vos lanzo unha pregunta: de quen credes que é un trasunto Larsson? De Blomkvist ou de Salander? O dos dous? Hai un dato curioso: as iniciais do nome de Stieg Larsson son as de Lisbeth Salander invertidas. Unha casualidade (¿?) ou un aceno?

Déixovos coas últimas palabras desta primeira parte, unha das frases lapidarias de Salander: todo o mundo ten segredos. Só é cuestión de descubrir cales. Si, hai demasiados segredos nestes personaxes, vexamos se podemos descubrilos….

PRAZOS

Continuamos a nosa lectura ao longo dos seguintes sete días coa segunda parte titulada Análisis de consecuencias que nos levará ata a páxina 316.  Que disfrutedes e espero que sigades así de activos cos vosos comentarios…