O libro que imos comezar a ler é o primeiro dunha triloxía que está a ser un verdadeiro fenómeno literario dende a súa publicación en Suecia en 2005. En toda Europa e en Estados Unidos vendéronse millóns de exemplares e é número un nas listas dos libros máis vendidos. O artífice deste boom é o xornalista Stieg Larsson que faleceu inesperadamente dun ataque ao corazón aos 50 anos, días despois de entregar ao seu editor o terceiro volume da triloxía Millennium e pouco antes de ver publicado o primeiro Los hombres que no amaban a las mujeres (aínda que parece ser que tiña en mente escribir 10 entregas da saga). Larsson, un loitador comprometido contra todo tipo de violencia, comezou a escribir novelas policíacas, polas noites e case en segredo, no ano 2001 movido polo desexo de denunciar o abuso, a violencia e o maltrato ás mulleres.

A saga policíaca Millennium protagonízana Lisbeth Salander e Mikael Blomkvist. Salander (a gran baza do libro, que xurdiu, en palabras do autor, porque quería imaxinar como se desenvolvería na sociedade actual Pippi Calzaslargas), é unha peculiar investigadora privada e hacker de veintitantos anos, metro e medio de estatura e 42 quilos de peso, huraña, salvaxe e inadaptada á que os psiquiatras que a trataron dende pequena cualifican de sociópata con trazos psicopáticos. Na súa curta vida hai motivos sobrados para que non teña ningunha confianza na lei nin no poder, polo que aplica os seus propios métodos con grande intelixencia para conseguir os seus obxectivos sen ningún remordemento sobre a base do seu propio sentido da xustiza. Blomkvist (un trasunto do autor), corentón, idealista, divorciado, pai desastroso e incurable mullereiro é un xornalista de investigación tenaz e inconformista á fronte dunha revista de denuncia, Millennium, que pasa por un mal momento tras ser condenado por difamación e calumnía. O azar une estes dous personaxes que se entregan a indagar a desaparición en circunstancias nunca esclarecidas dunha moza de rica familia, acontecida 30 anos atrás. Salander e Blomkvist mergúllanse nas súas pescudas no lado escuro da correcta e modélica sociedade sueca onde van encontrar corrupción, violencia sexual, prostitución de menores, etc. Larsson utiliza a intriga para realizar unha feroz crítica social cunha clara intención moral, que parece ser o tema fundamental do libro, aos abusos de poder de calquera tipo. Unha historia chea de mentiras encubertas, reflexións morais e violencia desmedida por parte daqueles que non aman as mulleres escrita cunha prosa parca, eficaz e solvente.

Recentemente, unha páxina web francesa moi influente (www.evene.fr) cualificou a Larsson de figura lendaria, cuxo extraordinario xenio literario creou unha das obras literarias máis importantes do século XXI… As tres novelas constitúen un auténtico fresco da sociedade moderna que non pode compararse ao que ningún escritor de novela criminal fixo nunca antes.

Ben, é a quenda de descubrir por nós mesmos que contén este libro e se estamos de acordo ou non en todo o que se leva dito sobre el.

Por certo, esta semana estréase a película baseada na novela. Que casualidade! Eu esperarei a ler a novela para ir a vela.

PRAZOS

 Ao longo desta semana que comeza leremos a primeira parte: Incitación (ata a páxina 152).