O xogo de palabras contido no título orixinal do libro (The Bluest Eyes) xa dános pistas (blue significa azul pero tamén triste) acerca do que imos ler: unha historia triste, moi triste, terrible. Aínda que eu o primeiro que quero dicirvos é que había tempo que non encontraba tanta verdade nun libro. Tanta verdade e tanta valentía. Un desexo de afondar sen medo no verdadeiro. Mirar algo e velo tal cal é, máis alá de que sexa fermoso ou terrible e contalo sen perdón nin desculpas. Escudriñar a alma humana sen esconder as súas miserias pero sen renunciar á beleza. Unha escritura adulta e terriblemente sincera na que non se obvia nada respecto á profundidade e á complexidade do ser humano ao que analiza cunha grande agudeza psicolóxica.

Con que mestría narra a terrible pero real pelexa dos pais de Pecola! Os intentos desesperados da nai para encontrar un sentido á súa vida na barbarie do erróneo. A necesidade e degradación mutua que une estes dous seres. E os efectos que isto produce en Pecola, que, aterrorizada e contendo o vómito, o único que desexa é desaparecer, rezando con fervor, noite tras noite, para que os seus ollos, a única parte do seu corpo que non logra que desapareza, se poidan converter nuns fermosos ollos azuis de nena branca para así, quizais, conseguir que os seus pais deixen de facerse dano. E de que xeito se aferra ás cousas reais e máis vulgares (os dentes de león na base do poste telefónico, a greta da beirarrúa coa que sempre tropeza) para sentir que é alguén no medio do mundo; ao igual que, a través da súa relación coas prostitutas, as "tres gárgolas xocosas", as "tres alegres bruxas" (que lograda descrición do mundo e a esencia destas mulleres!), que son as únicas que a tratan ben, Pecola consegue facerse visible (todo o contrario do que acontece no seu encontro co terrible tendeiro das Mary Jane que nin a ve porque non é nada para el) e encontrar un lugar amable onde descansar da súa triste vida de nena negra, fea e pobre.

Así mesmo, a autora móstranos, a través da humillación á que outros nenos negros someten a Pecola, o autodesprezo racial alimentado ao longo de xeracións que existe no máis profundo das mentes dos afroamericanos, mentres que Claudia, antítese do personaxe de Pecola, posúe orgullo de raza e actúa como contrapunto a esta perda de identidade: Su pena despertaba en mí un sentimiento casi de hostilidad. Quería abrirla, quebrar sus bordes, meterle una estaca a lo largo de aquel espinazo que se curvaba en una estúpida joroba, forzarla a enderezarse y escupir a la calle sus miserias. Pero ella las retenía allí donde sólo pudieran desbordar por sus ojos (páx.94).

A través dos recordos de Claudia, Toni Morrison recrea con total verosimilitude o mundo da infancia. Como un adulto de case corenta anos (a idade na que a autora escribiu o libro) se pode colocar tan atinadamente nese lugar?

A súa linguaxe é elocuente, está vivo, é poesía pura, orixinal e rico no seu vocabulario. Respecto ao seu xeito de escribir a autora di: sempre intentei que o lector esqueza que o que ten entre as mans é un libro. Ambicionei certa intimidade, que a lingua o inclúa no relato, tíreo cara a dentro. Gústame imaxinar a posibilidade de que non haxa distancias entre o acto de ler e a revelación da escritura

Estou marabillosamente sorprendida. Non lera nada desta autora e agora apetéceme lelo todo. Toni Morrison consegue que a historia sexa fermosa, sólida e intelixente, a pesar do terrible que nos narra, polo maxistralmente que está contada e pola verdade que conteñen as súas palabras.
Como ela di nunha entrevista a ficción ensínanos a entender mellor a vida. Pois iso.

Cuestión de prazos

Ao longo desta semana continuaremos a nosa lectura dende o capítulo Primavera (páx.121) ata o final da novela.