Unha vez rematada esta fermosa historia que provocou numerosos comentarios pola vosa parte (parabén a todos nas vosas acertadas recensións), gustaríame, para finalizar, facer algunhas últimas reflexións.

 

No seu reflexo da vida e o comportamento humano, Mahfuz non deixa nada fóra: a familia como núcleo central da sociedade, que, ao mesmo tempo, é refuxio e opresión; a preocupación polo matrimonio e o ascenso social e económico; a relixiosidade da maioría dos personaxes; o desexo de mellorar as súas vidas; o reflexo das máis sublimes e baixas paixóns…; todos os personaxes conteñen no seu interior unha pequena ou grande traxedia que os fai humanos, e que nos mostra que ninguén é bo nin malo. Personaxes enmarcados nunha sociedade musulmá da época onde os homes son machistas pero as mulleres, que son inferiores ante a lei, manteñen un curioso equilibrio de forzas xa que son as xefas das súas casas, apañan vodas, manteñen a raia os seus maridos; os mozos queren unha vida mellor e buscan por tódolos medios alcanzala; todos xulgan a todos pero sen dicilo claramente. Así mesmo, o autor móstranos o paso dunha sociedade tradicional a outra moderna a través da visión doutro Cairo, o exterior á quella, onde hai mulleres que traballan, diñeiro, luxo, ambición e unha moralidade dubidosa.
Outro aspecto a resaltar é a grande lección que nos dá a novela acerca da absoluta relatividade con que hai que tomar as cousas, xa que o amor, a dita, a riqueza, a pobreza, a ambición son soamente un accidente. Todo é pasaxeiro e nada nin ninguén é imprescindible xa que todos estamos destinados a ser esquecidos.
A Hamida móvelle a ambición, quere ser rica e libre e búscao do xeito máis doado e rápido posible, pero esa busca vese fatalmente interrompida, frústranse os seus desexos e prodúcese a súa caída ao abismo. A súa ousadía e ambición lévana á destrución do que anhela. ¿É destino ou azar? ¿Por que Mahfuz non a salva? ¿Hai unha intención moralista neste final?
Cédovos a palabra…