Novelista e xornalista italiano nacido en Turín en 1958. Licenciado en Filosofía, dirixiu na televisión o programa de libros Pickwik que "invitou aos italianos a redescubrir o pracer da lectura", e en 1994 fundou en Turín unha escola de técnicas de escritura, chamada Holden  (como homenaxe a Salinger), que tivo baixo a súa dirección un éxito clamoroso. Escritor pouco proclive a participar no mundillo literario, a penas concede entrevistas, chegando mesmo a promocionar un dos seus libros, City, só en Internet.

Seda, que se converteu nun best-seller ininterrompido dende a súa publicación en 1996 (traducida a 17 idiomas, máis de 700.000 exemplares vendidos, máis de 34 edicións en España), consagrouno como un dos grandes escritores italianos actuais e converteuno nun fenómeno literario mundial. Escritor polifacético e inquedo, sempre á busca de novas experiencias, é autor das novelas Tierras de cristal (Premio Médicis, 1991), Océano mar (Premio Viareggio, 1993), Seda (1996), City (1999), Sin sangre (2003), Homero, Iliada  (2004) e Esta historia (2007); do monólogo teatral Novecento (1994) e dos ensaios, Next (2002) El alma de Hegel y las vacas de Wisconsin (2003) e Los bárbaros (2008). Recentemente dirixiu tamén a película Lezione 21 e en 2003 colaborou co dúo francés de música electrónica Air no disco "City Reading (The Storie Western)" no que le fragmentos do seu libro City.

A súa literatura é cualificada como de extremadamente bela e máxica. As súas historias envólvenche e introdúcenche nun mundo entre o real e o onírico onde opera a marabilla. As súas tramas, moi imaxinativas, suxiren máis que contan e a súa prosa, doada de ler, é suave, rítmica, chea de emocións, evocadora, exacta e musical.
 
As súas influencias van dende escritores norteamericanos como Salinger e Carver, xa que opina que estes souberon chegar do xeito máis simple ao corazón ardente das cousas., ata autores tan dispares como Celine e Homero. O seu estilo pode transmitir unha sensación de caos que, sen embargo, revela no fondo unha orde perfectamente estudada co fin de sorprender e sobre todo sacudir en cada momento ao lector dun xeito diferente.
 
Alessandro Baricco é capaz de construír personaxes dunha incrible beleza cunha tendencia a aproximarse aos límites. Son personaxes desvalidos que contan con poucos recursos para habitar un mundo hostil, pero que non deixan nunca de intentar lograr o imposible,  moitas veces dun xeito surrealista, nunha loita constante entre a dor e o intento de redención desa mesma dor. Dende a aparente levidade naif na que inicialmente encadra as súas historias, Baricco é capaz de mostrar a realidade nua das cousas afondando con toda a súa crueza nos recantos máis escuros da alma humana.

Aquí déixovos algúns enlaces interesantes para que coñezades mellor este autor:

O seu blog ; entrevista en El País (maio 2007) ; artigos varios sobre o autor en El Paísentrevista en El Mundo (xuño 1998)