Novecento é un monólogo teatral ("un texto para ser lido en voz alta" en palabras do autor) de Alessandro Baricco (Turín, 1958) publicado en 1994.

En apenas 80 páxinas e, cun ritmo implacable, cóntanos a historia do máis incrible dos pianistas: Danny Boodmann T.D. Lemon Novecento, que é abandonado ao nacer sobre o piano do Virginian, un trasatlántico cargado de personaxes de todo tipo, que realiza o traxecto entre Europa e América nos anos de entreguerras. Xa dende neno, Novecento posúe un don máxico que o fai tocar o piano cunha técnica marabillosa por enriba de estilos e mestres, o que lle leva a converterse nun pianista extraordinario, o máis grande de todos os tempos. Toca na banda do Virginian, e alí coñece a Max, un novo trompetista que é o que nos vai contar a historia de Novecento. A fama do estraño pianista esténdese de tal maneira que se di que hai persoas que viaxan no barco só para oilo tocar, mesmo Jelly Roll Morton, o inventor do jazz, se sente impulsado a desafiar nun duelo pianístico a este meláncolico e xenial intérprete que é capaz de ver o mundo a través dos ollos dos demais, xa que, por razóns que ninguén sabe, non puxo nunca un pé en terra.

Unha obra da que Alessandro Baricco afirmou: "Máis que un texto teatral, o considero unha novela curta ou un relato longo, xurdido tras ao ronsel de Océano mar (outra novela do autor), coma se nesta novela non puidese contar todas as historias que quería".

Novecento foi levado ao cinema por Giuseppe Tornatore, con música de Ennio Morricone e protagonizada por Tim Roth, co título La leyenda del pianista en el océano.

Benvidos ao mundo de Alessandro Baricco, un escritor que non recorda a nada antes lido.

Prazos 

Como o libro é moi curto e lese moi doadamente, ¿que vos parece se o lemos todo enteiro ao longo desta semana e imos deixando os nosos comentarios sobre a marcha?