O índice de lectura en España mellora lixeiramente e sitúase no 57 por cento
Case o 57 por cento dos españois le frecuentemente fronte ao 43 por cento da poboación que non o fai nunca ou case nunca, segundo un informe dado a coñecer polos editores españois correspondente a 2007, que demostra un aumento de 1,4 puntos no índice de lectura respecto ao ano anterior.
O informe "Hábitos de Lectura e Compra de Libros en España 2007" da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) conclúe que o perfil do lector español consolídase como muller, universitaria e moza que prefire a novela, le en castelán e na casa, por entretemento.
O estudo destaca que o índice de lectura do 56,9 por cento da poboación corresponde a case 22 millóns de persoas, que len unha media anual de 8,6 libros, cunha lectura de 5,8 horas semanais entre os lectores frecuentes.
O informe, presentado polo director executivo da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), Antonio María Ávila, diferenza entre o 41 por cento que se declara lector frecuente, é dicir le libros diaria ou semanalmente; o 15,9 por cento que son lectores ocasionais, len algunha vez ao mes ou ao trimestre; e o 43,1 por cento da poboación que non le nunca ou case nunca.
Os libros máis leidos do 2007 son:
La catedral del mar, de Ildefonso Falcones
Los pilares de la tierra, de Ken Follet
El código da Vinci, de Dan Brown
La sombra del viento, de Carlos Ruiz Zafón
Ángeles y demonios, de Dan Brown



